Santiago, 15 de febreiro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe o “marcado carácter lexislativo” que volverá a ter o Pleno da vindeira semana, coa aprobación das proposicións de lei do Grupo Popular de modificación da Lei de saúde de Galicia e de simplificación administrativa e reactivación económica, así como o proxecto de Lei de acción exterior e cooperación de Galicia.
Puy amosou a “sorpresa” pola actitude dos grupos da oposición con estas leis, especialmente os socialistas que “falan de colaboración leal e diálogo co Goberno galego, pero realmente co seu voto negativo están a demostrar que non están excesivamente polo labor de consenso e acordo”.
Pedro Puy salientou que dúas destas novas leis “son resultado do traballo do Grupo Popular” e reivindicou “o dereito dos deputados deste grupo, do mesmo xeito que o fai a oposición, para exercer a facultade lexislativa que o regulamento e o Estatuto de Autonomía lles outorga”. Deste xeito, sinalou que o Grupo Popular “vai seguir contribuíndo con importantes reformas lexislativas e o fará porque é o seu deber e o seu dereito para formular este tipo de debates lexislativos no Parlamento”.
TRABALLO INTENSO E IMPORTANTE
“Estamos cumprindo un traballo intenso e importante, con dez proxectos lexislativos aprobados desde o inicio da lexislatura, polo que estamos cumprindo o noso deber de servir ás necesidades inmediatas dun país que está a sufrir unha pandemia”, manifestou.
Respecto da proposición de lei de modificación da Lei de saúde, o portavoz popular cualificouna de “necesaria”, porque con ela “cubrimos esas lagoas legais e as carencias dunha lexislación que non estaba pensada para casos de pandemia e situacións extraordinarias como a actual”. Así, salientou que “o Grupo Popular fixo un traballo razoable que vai permitir que o Goberno galego poida levar adiante accións máis garantistas e con maior capacidade de reacción que co actual marco legal”.
Puy sinalou que “a actitude da oposición tennos moi sorprendidos, especialmente o grupo socialista, xa que ten dado mensaxes semellantes aos dos grupos negacionistas”. Neste sentido, puxo de manifesto a contradición das mensaxes lanzadas pola oposición coas afirmacións feitas por persoas como o alcalde nacionalista de Ribadeo, que pediu a semana pasada “unha adaptación lexislativa” para que a vacina sexa obrigatoria nas residencias; ou o presidente socialista da Deputación de Lugo, que demandou á Fiscalía actuar para completar a vacina dunha usuaria nunha residencia.
“Trátase dunha lei necesaria, necesidade que foi recoñecida polo Goberno de España e que está empezando a callar noutras comunidades autónomas, como o País Vasco, onde o lehendakari manifestou esta fin de semana que están estudando aprobar unha lei antipandemia, logo de ter esgotado todas as ferramentas xurídicas dispoñibles para a toma de decisións”, sinalou Pedro Puy.
FONDAMENTE PREPARADA
Outro dos textos lexislativos que se aprobará no vindeiro Pleno é o proxecto de Lei de acción exterior e cooperación de Galicia, que fixa o marco normativo das próximas décadas, os obxectivos e as ferramentas para a relación e a proxección de Galicia no mundo. Puy salientou que “foi unha lei fondamente preparada e falada tanto co sector da cooperación e da acción exterior como co Ministerio de Asuntos Exteriores para evitar problemas competenciais”.
Porén, apuntou que “tenos moi sorprendido a actitude particular do Grupo Socialista, xa que das 19 emendas que presentou, 9 foron aceptadas e outras 5 transaccionadas, polo que se pode deducir que dos 113 artigos que contén esta nova lei, so discrepan en 5”. “O Grupo Popular foi receptivo ás demandas dos socialistas, pero nos atopamos coa sorpresa en comisión do seu voto en contra, non así do BNG que decidiu absterse a pesar de defender unha política moi lonxana á nosa”, indicou.
Por último, respecto da proposición de lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, cuxo ditame será aprobado esta tarde en comisión, o portavoz popular sinalou que busca conseguir que as empresas confíen na administración, cunha simplificación dos trámites administrativos eliminando o redundante e duplicado para axilizar as iniciativas empresariais; apoiar o talento industrial con mecanismos de financiamento e acompañamento ás empresas; e xerando un mecanismo completo e integral de planificación, xestión e control dos fondos europeos.