Santiago, 16 de febreiro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro requiriu hoxe no Parlamento galego ao Concello de Sarria a execución do proxecto de peonalización e mellora comercial da rúa Diego Pazos, segundo o proxecto técnico inicialmente presentado e coa autorización da Xunta. Porén, matizou que “o Goberno galego está disposto a autorizar ao Concello unha reparación puntual e urxente desta rúa, pero sen renunciar á súa actuación completa e integral como estaba previsto inicialmente”.
José Manuel Balseiro lembrou que “a desastrosa situación que presenta esta importante rúa comercial de Sarria é consecuencia directa da deficiente realización dunha obra promovida e executada polo Concello, que foi incapaz de corrixir nin de rematar completamente a pesar de todo o tempo transcorrido”.
Balseiro criticou que os socialistas galegos pretendan agora que “o Concello se lave as mans e que sexa a Xunta a que amañe o que eles teñen a obriga de corrixir”. “A solución pasa porque o Concello, como promotor e executor desta reforma, repare esta a rúa Diego Pazos, e non de calquera xeito, senón conforme ao proxecto de mellora intengral que no seu día presentaron e que, ademais, xa conta coa autorización da Xunta”.
ACTUACIÓNS COMPLETAS
Na súa intervención, lembrou que, “cando a Xunta autorizou a obra nesta estrada autonómica, o proxecto técnico presentado incluía actuacións completas en todo o firme, a mellora das beirarrúas, aparcamentos e zona de circulación, así como servizos, iluminación e mobiliario urbano”. “É de todo desleal que si o Concello pide permiso para executar unha obra e a realiza dun xeito deficiente, agora pretenda que outra administración sexa a responsable do seu estado e asuma a reparación”, dixo.
Así mesmo, José Manuel Balseiro avanzou a presentación dunha proposición non de lei do Grupo Popular no Parlamento galego a través da que se requira ao Concello de Sarria a execución deste proxecto de mellora da rúa Diego Pazos, “co obxectivo de que a Xunta teña o respaldo desta Cámara para solicitar a realización de toda a obra prevista”.