Santiago, 18 de febreiro de 2021.- A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, insistiu hoxe no Parlamento galego na vontade da Xunta de Galicia de achegar 100.000 euros para o plan social de apoiou aos mariscadores afectados pola dragaxe da ría do Burgo, “a pesar de que é o Goberno central o promotor da obra e quen debe facerse cargo das indemnizacións correspondentes aos afectados”.
Así mesmo, defendeu que os traballos de recollida e reposición de semente sexan executados por parte das persoas mariscadoras asociadas á Confraría de A Coruña.
Teresa Egerique amosou a súa satisfacción porque “por fin o Goberno de España iniciou a licitación da dragaxe da ría do Burgo, algo que viñamos demandando desde hai anos e no que a Xunta xa propuxo no seu momento tanto a solución para o seu financiamento como para superar os problemas postos polo Ministerio cara a esta licitación”.
OBRA FUNDAMENTAL
“Trátase dunha obra fundamental tanto para os veciños dos concellos ribeiregos como para os profesionais do marisqueo de A Coruña e da súa contorna”, afirmou a portavoz popular, quen engadiu que “agora debe ser prioritario o deseño dun plan social para establecer compensacións económicas para as persoas afectadas ante a suspensión da actividade extractiva durante as obras de dragaxe”.
Deste xeito, incidiu que, malia que o promotor da obra é o Estado e debe facerse cargo das indemnización dos afectados, a Xunta “xa propuxo en xaneiro de 2019 o deseño dun plan social coa participación das administracións estatal e autonómica, así como dos concellos da zona, pero, lamentablemente, a resposta a esta proposta ata o día de hoxe foi nula”.
“O compromiso do Goberno galego cos mariscadores afectados pola dragaxe da ría do Burgo vai máis aló, e está disposto a achegar 100.000 euros de fondos do orzamento de 2021 para este plan social, demandando a achega de fondos na mesma medida dos concellos afectados e ao Goberno central ata cumprimentar un millón de euros”, concretou.
Teresa Egerique defendeu “a necesidade de que se impliquen neste proxecto todas as administracións públicas na busca dunha solución, do mesmo xeito que fixeron no seu momento para acadar melloras do seu interese durante o proceso de elaboración do proxecto de obras”.