Santiago, 22 de febreiro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou que a modificación da Lei de Saúde reforza a nosa Sanidade pública dotándoa de máis instrumentos e garantías para combater eficazmente a pandemia.
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa salientou que, ademais de dar luz verde a este texto lexislativo, a sesión plenaria que se celebrará esta semana tamén estará marcada pola aprobación da Lei de Reactivación Económica e a de Acción Exterior, e polo debate das propostas de resolución formuladas á revisión do Plan Forestal.
Con estas tres novas leis, subliñou que serán dez os textos lexislativos que se levan aprobado desde o comezo desta XI lexislatura -neste momento unicamente se atopa en tramitación parlamentaria a proposición de lei impulsada polo Grupo Popular de Reactivación da Terra Agraria-, o que significa que, “nesta etapa de especial dificultade política, económica e sanitaria, o Parlamento está intentado dar resposta aos problemas que ten a sociedade”.
Máis polo miúdo, insistiu en que a modificación da Lei de Saúde é un paso necesario e importante na dotación de medios para actuar dentro da seguridade xurídica, “protexer mellor a saúde e facelo con garantías para que os administrados non se vexan suxeitos a decisións arbitrarias”.
Por todo isto, amosouse sorprendido coa argumentación e as críticas dos grupos da oposición, lembrando que mesmo o lehendakari Urkullu recoñeceu que se teñen esgotado todas as ferramentas xurídicas dispoñibles para a toma de decisións durante esta pandemia.
Xa con respecto á Lei de reactivación económica, precisou que, ademais de facer máis sinxela a tramitación administrativa dos proxectos que agardan poder financiarse con fondos europeos, facilita o investimento en Galicia e oriéntase en políticas que non só recuperan o crecemento económico senón que transforman o noso tecido produtivo cara unha maior dixitalización e eficiencia medioambiental. Así mesmo, admitiu que, xunto coa modificación da Lei de Saúde, son dous instrumentos lexislativos que reforzan a capacidade de dar resposta á propia pandemia sanitaria e a do país para reactivar a súa economía da forma máis rápida e eficaz.
En terceiro lugar, Pedro Puy apuntou que tamén se aprobará o proxecto de Lei de Acción Exterior e da Cooperación de Galicia, que fixa o marco normativo das próximas décadas e os obxectivos e as ferramentas para a relación e a proxección da Comunidade no mundo. Por este motivo, lamentou o voto negativo do Grupo Socialista ao ditame da ponencia en Comisión pois, dos 113 artigos que ten esta lei, só discrepa en cinco pero rexeita completamente este texto lexislativo, reflectindo que a oposición nin sequera ten vontade de chegar a un acordo cando se trata dunha lei pactada co Ministerio de Asuntos Exteriores e na que se incorporan as principais emendas do resto dos grupos.
UN PLAN FORESTAL CONSENSUADO
Por outra parte, sobre o debate das propostas de resolución á modificación do Plan Forestal de Galicia, incidiu en que, por parte do Grupo Popular buscan atender á petición do propio sector que pediu un consenso que permita unha boa planificación e unha ordenación pensando no longo prazo. De feito, manifestou que o Goberno galego solicitou a tramitación do Plan que máis participación parlamentaria permite para chegar a máis acordos no ámbito político.
Por último, recordou que os populares tamén defenderán dúas proposicións non de lei: unha a través da que insistirán na esixencia ao Goberno de España para que dote de carga de traballo aos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, a través da construción dun buque de acción marítima (BAM) para a Armada Española que tamén sirva de ponte ata o inicio do programa das fragatas F-110; e unha segunda, centrada en demandas de conciliación e corresponsabilidade entre o home e a muller, con medidas a nivel local, autonómico e nacional.
“Temos un Pleno no que imos dar pasos adiante no ámbito económico, sanitario e social e confiamos en que poidamos chegar a acordos nestas materias co resto de grupos”, sentenciou.