Santiago, 18 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a remitir á Cámara á maior brevidade un proxecto de Lei do xogo de Galicia, así como a creación dun Observatorio Galego do Xogo que realice un informe anual sobre este sector na Comunidade galega.
A proposición non de lei recolle como obxectivos potenciar as accións destinadas á prevención, co desenvolvemento de programas de prevención de condutas aditivas asociadas ao xogo e apostas; poñer especial atención nas medidas de control e acceso ao xogo e apostas para os máis mozos e mozas e menores de idade; e limitar a difusión e promoción do xogo a través dos medios de comunicación, eliminando esta práctica nos medios públicos de Galicia.
SENSIBILIZACIÓN Á SOCIEDADE
Así mesmo, a iniciativa demanda a creación dun Observatorio Galego do Xogo que contemple, entre outras, as funcións de elaborar un protocolo de actuación para evitar o xogo en menores; realizar un informe anual sobre o xogo en Galicia; e facer un seguimento da aplicación da lexislación sobre xogo en vigor, e elaborar propostas de modificación, actualización e mellora do marco normativo.
A viceportavoz popular, Paula Prado, apuntou que “un dos traballos deste Observatorio Galego de Xogo, cando entre en vigor, será a elaboración dun informe, que remitirá ao Parlamento, sobre a situación actual deste sector en Galicia desde o punto de vista da prevención e asistencia ás persoas afectadas, así como do efecto das políticas públicas para valorar as medidas que foron máis efectivas, as que poden ser melloradas e a suxestión de expertos de cara a futuras modificacións e implementacións”.
Paula Prado lembrou que “o xogo patolóxico é un problema de saúde que afecta a moitas persoas”, principalmente adolescentes e mozos, e se asocia a un consumo habitual de tabaco e alcohol. Neste sentido, avogou por levar adiante un “traballo de sensibilización á sociedade porque non se poden normativizar condutas que conlevan o agravamento da saúde”.