Santiago, 18 de marzo de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita a implantación de melloras para a atención das mulleres afectadas por endometriose, como consultas específicas en todas as áreas sanitarias, realizar campañas de divulgación desta doenza e formación do persoal sanitario, ou atención diferenciada en fertilidade ás doentes.
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou que a Xunta “leva traballando desde hai tempo na mellora da atención á saúde das mulleres con endometriose, para o que se conta coa colaboración de profesionais de distintas categorías e especialidades, tanto de atención primaria como hospitalaria”.
Neste sentido, engadiu que “en todos os servizos de xinecoloxía e obstetricia de cada EOXI existe ben unha consulta específica ou ben unha consulta integrada con outras enfermidades xinecolóxicas, o que permite garantir unha atención de boa calidade ás mulleres con sospeita ou xa con diagnóstico de endometriose”.
“A Consellería de Sanidade continuará prestando unha asistencia de calidade ás persoas que padezan esta enfermidade, a través de medidas encamiñadas ao seu coñecemento, detección e seguimento”, manifestou Encarna Amigo.