Santiago, 25 de marzo de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada salientou hoxe no Parlamento que o plan de formación para o Servicio de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia 2012-2024 inclúe a impartición de 230.000 horas lectivas a case 3.000 traballadores.
“O obxectivo é, en colaboración coas organizacións sindicais e outras asociacións, ir axustando este plan á realidade tanto do Servizo como da loita contra o lume, evolucionando cara a una maior carga práctica para achegarse o máximo posible ás situacións que se presentan no traballo e darlles resposta”, sinalou.
José Antonio Armada lembrou que o plan de formación “é un programa vivo, que naceu tras consultar ás organizacións sindicais e outras organizacións relacionadas co coidado do monte, ás que se aceptou cerca do 90 por cento das súas alegacións”.
VANTAXES PARA OS RESIDENTES
“Este plan de formación persegue mellorar a prevención, extinción e investigación dos incendios forestais, coas conseguintes vantaxes para os residentes das áreas rurais, co obxectivo de anticiparse aos incendios, minorar os seus efectos se chegan a producirse e localizar aos seus responsables, para conseguir poñer coto á meirande parte dos focos, que se revelan como intencionados”, concretou o deputado popular.
Con esta finalidade, Armada engadiu que o plan “non só contempla instruír ao persoal antiincendios, senón tamén aos concellos e á propia poboación para que se implique na defensa dos seus montes e contribúa a garantir a súa supervivencia, así como ao mantemento da biodiversidade e da riqueza que xera o sector forestal”.
Deste xeito, o plan non só aposta pola profesionalización do Servizo encargado de velar pola seguridade dos montes galegos, senón que tamén incide directamente na formación desas persoas residentes e na da administración máis próxima a eles.
O orzamento previsto para financiar este Plan de formación neste ano 2021 é de 200.000 euros e a previsión é manter cifras semellantes nos anos 2022, 2023 e 2024, “aínda que o investimento é susceptible de aumentarse no caso de que o Goberno galego o estime necesario”.
COLABORACIÓN COS CONCELLOS
No debate doutra proposición non de lei sobre os convenios da Xunta cos concellos para a prevención e defensa contra os incendios, José Antonio Armada concretou que “este ano incrementouse máis dun 23 por cento o programa de accións preventivas e infraestruturas forestais, chegando aos 80 millóns de euros”.
“En concreto, á colaboración cos concellos destinaranse 40 millóns de euros, dirixidos principalmente a protexer aos núcleos rurais e actuar en máis de 17.000 hectáreas e 35.000 quilómetros de vías”, apuntou.