Santiago, 25 de marzo de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta o impulso e desenvolvemento do Plan de mellora da atención no rural mediante a dinamización e modernización das oficinas agrarias comarcais, garantindo que manteñan as súas funcións de dinamización e de asesoramento aos gandeiros e agricultores dotándoas dos medios materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento.
“É necesario mellorar as infraestruturas e modernizar os servizos prestados polas oficinas agrarias comarcais, de xeito que a Administración autonómica ofreza un servizo público, próximo, dinámico, técnico e de calidade ao sector, ao tempo que se mellora a actividade dos profesionais que traballan nelas”, sinalou o deputado popular Rubén Lorenzo.
Na súa intervención, Lorenzo manifestou que “a permanente relevancia dos sectores produtivos do rural galego na actualidade amosa a necesaria reestruturación desta rede de oficinas rurais comarcais, coa fin de lograr maior eficiencia e unha atención próxima e de calidade”. Na actualidade, sinalou que a Consellería do Medio Rural está presente no territorio galego a través de 200 centros, entre oficinas agrarias comarcais, bases e sub-bases, puntos de encontro das brigadas forestais e bases aéreas, nos que traballan máis de 3.500 persoas.
O deputado popular lembrou que o Plan de modernización e mellora da rede de oficinas de atención no medio rural “é un compromiso do Goberno galego para mellorar as infraestruturas e os servizos prestados aos galegos, determinando a situación de cada oficina para aumentar, de xeito progresivo, a súa efectividade”. “Isto permitirá optimizar a relación entre a Xunta e a cidadanía, facilitar as xestións, ofrecer un servizo global nunha única sede por localidade e aumentar a eficiencia na utilización dos recursos públicos”, concretou.
Rubén Lorenzo indicou que “a vontade de mellora das oficinas rurais comarcais reflíctese nos orzamentos da Consellería do Medio Rural para este ano, recollendo unha partida de tres millóns de euros e comprometendo outros cinco millóns para 2022”.
“Só por medio desta modernización e mellora dos servizos prestados polas oficinas agrarias comarcais se chegarán a abordar cuestións como avanzar na dixitalización, dar unha imaxe distinta e unificada, ou axilizar trámites, normas e procedementos”, apuntou o deputado popular.