Santiago, 26 de marzo de 2021.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, afirmou hoxe no Parlamento galego que a escola infantil de Verducido en Pontevedra “vai seguir funcionando o vindeiro curso 2021-2022 sen necesidade de habilitar ningunha unidade de educación primaria, circunstancia que xa foi posta en coñecemento da comunidade educativa”.
Ovidio Rodeiro explicou que esta decisión “está plenamente xustificada á vista do alumnado escolarizado nos últimos anos e das solicitudes de matriculación realizadas para o vindeiro curso”. En concreto, no presente curso están escolarizados en Verducido 9 alumnos e para o vindeiro curso a previsión é de 11 (6 para 4ª, 2 para 5ª e 3 para 6ª de educación infantil).
“O criterio que con carácter xeral vén seguindo a Xunta desde o 2009 é manter abertas todas as escolas públicas que conten cun mínimo de 6 alumnos, logo de ter procedido a rebaixar os 9 alumnos estipulados polo anterior Goberno bipartito, nunha clara aposta polo ensino no ámbito rural e por manter os centros docentes no entorno dos rapaces e contribuír desde o eido educativo ao arraigo da poboación no medio rural”, indicou.