Santiago, 9 de abril de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada salientou hoxe no Parlamento que a Xunta executou o 106 por cento do Plan de fixación da poboación no medio rural 2017-2020, é dicir, investíronse máis de 245 millóns de euros dos 230 millóns que figuraban na proposta inicial.
“E seguimos traballando na actualidade na revitalización do rural galego, como o demostra a proposición de Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que se está a tramitar neste Parlamento, para a que solicitamos o apoio dos grupos da oposición”, indicou.
No debate dunha proposición non de lei do Grupo Socialista sobre o cumprimento do Plan de fixación da poboación no medio rural, José Antonio Armada lembrou que “o propio conselleiro do Medio Rural compareceu no Pleno do Parlamento galego o 10 de abril de 2019, hai dous anos exactamente, para dar conta do cumprimento total da execución dos recursos destinados a este plan para o período orzamentario 2017-2020”.
“Este plan supuxo un avance no desenvolvemento equilibrado das economías e comunidades rurais, como tamén a creación e conservación de emprego, e representou un piar fundamental no traballo e na estratexia da Xunta nestes últimos anos”, sinalou.
O deputado popular manifestou que o alto grao de execución deste plan de fixación da poboación no rural, que chegou ao 106 por cento, “é totalmente satisfactorio en relación aos obxectivos que se pretendían inicialmente”. En concreto, a través desta iniciativa realizáronse, entre outros moitos, investimentos en explotacións agrícolas, por valor de 40 millóns de euros; na transformación e comercialización de produtos agrarios, cun presuposto de máis de 31 millóns de euros; na reestruturación parcelaria, con preto de 27 millóns de euros; actuacións dentro de programas Leader, cun orzamento de 21 millóns de euros; o mantemento de actividades agrarias en zonas con limitacións naturais, con case 17 millóns de euros; e a mellora dos camiños municipais, cunha contía próxima aos 18 millóns de euros.
“Pero, ademais, na actualidade xa se está a avanzar na revitalización do rural por distintas vías, ao tempo que se continúa traballando en iniciativas, como a proposición de Lei de recuperación da terra agraria que se está a tramitar neste Parlamento, que fomentan a fixación de poboación no rural”, afirmou José Antonio Armada, quen lamentou que “o PSdeG se desvincule maioritariamente destas iniciativas”.