Lamenta a actitude desleal da oposición neste último ano, entregada á crítica destrutiva e buscando o seu interese electoral e partidista
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, grazas a que o Sergas respondeu eficazmente á crise sanitaria, ao extraordinario compromiso dos profesionais da saúde e á anticipación, planeamento e responsabilidade da Xunta, hoxe saímos da terceira onda coa menor taxa de mortalidade da Península -85 falecidos por cada 100.000 habitantes- malia a ter unha das poboacións máis envellecidas, e polo tanto con maior risco, de toda España.
Segundo precisou, a pandemia deixou claro que Galicia ten un dos mellores sistemas sanitarios de España e de Europa e resaltou todos os investimentos que o Goberno galego destinou á nosa Sanidade pública na última década que, contradicindo o falso relato da oposición, permitiron contar cos medios e os equipamentos necesarios.
GALICIA, PIONEIRA EN PREVENCIÓN E DIAGNÓSTICO
O número dous dos populares galegos puxo en valor todo o que se logrou durante este ano, comezando coa creación do Comité Clínico de expertos, “con nomes e apelidos”, que desde o primeiro mes da pandemia asesora ao Goberno e define as medidas a tomar baseándose en criterios médicos e científicos.
Ademais, salientou que Galicia se adiantou a outras Comunidades e ao Estado na toma das primeiras medidas, sen cometer os grandes erros do Executivo de Sánchez, e foi pioneira no reforzo da plantilla sanitaria, o piar principal para a xestión da pandemia.
Tellado tamén recordou que fomos a primeira Autonomía en aplicar algunhas medidas que logo se estenderon por toda España como o COVID-AUTO ou o sistema de atención a domicilio TELEA, sen esquecer tampouco outras accións como o Rexistro de Viaxeiros, as Unidades Multidisciplinares Covid ou o Plan de Intervención Psicosocial.
De igual xeito, a Comunidade foi pioneira na demanda dunha lexislación para a xestión da pandemia e, ante a inacción do Goberno central, desenvolveu a súa propia na materia mentres o Executivo de Sánchez “está ocupado desenvolvendo leis para acabar coa industria costeira do nosos país”.
UNHA OPOSICIÓN DESTRUTIVA E DESLEAL
O secretario xeral lamentou que, fronte a esta realidade indiscutible, haxa unha oposición absolutamente desleal, entregada á critica destrutiva e oportunista e que non arrimou o ombro en ningún momento deste ano de pandemia.
Pola súa parte, o BNG de Ana Pontón unhas veces pedía máis peches e restricións e outras criticaba a dureza das medidas e demandaba unha maior apertura, contradicíndose nalgunha ocasión cunha diferenza de horas, e sempre cun único criterio do seu interese partidista.
No caso dos socialistas galegos, apuntou que actuaron defendendo o indefendible, xa que nestes últimos meses a actuación do Executivo de Sánchez “superou todos os limites da indecencia”, só preocupado polos xogos políticos, facendo candidato ao Ministro de Sanidade en plena pandemia, intentado desestabilizar gobernos autonómicos con mocións de censura e dedicando todos os seus recursos aos seus intereses electorais, primeiro en Cataluña e agora en Madrid. “Durante todo este tempo a única aportación de Gonzalo Caballero foi a de palmeiro do Goberno, o máis devoto de Sánchez con tal de manter o seu posto á fronte do PSdeG”.
AS PRÁCTICAS CACIQUÍS DE ABEL CABALLERO
Por último, referiuse ao novo caso de condena por corrupción no PSOE de Galicia, logo de que o alcalde pedáneo de Bembrive, en Vigo, fose hoxe enviado a prisión por falsidade documental, prevaricación e malversación.
Sobre isto lembrou que membros do PPdeG visitaron este lugar hai anos para denunciar esta situación e pedir a súa dimisión, que tardou meses en producirse. “Ese día sufrimos un escrache por parte dos afíns de Abel Caballero e do PSOE de Vigo, que boicotearon unha comparecencia pública de cargos electos. Agora a xustiza danos a razón e decreta a entrada en prisión da man dereita de Caballero na zona, o que demostra que as prácticas caciquís do alcalde de Vigo non sempre escapan á xustiza”, aseverou admitindo que agarda a resposta do rexedor para confirmar se esta vez tamén dirá que a xudicatura está en contra de Vigo e de el.