Santiago, 21 de abril de 2021.- o Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, transaccionada entre o Grupo Popular e o PSdeG, a través da que se pide que a Xunta e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) colaboren na mellora da cobertura de fibra óptica e móbiles en Galicia, especialmente na zona rural.
Así mesmo, solicítase que o Goberno central realice un mapa de infraestruturas susceptibles de ser usadas para o despregamento de redes de telecomunicacións, contando coa colaboración da Xunta e do operador público galego Retegal.
A deputada popular Noelia Pérez lembrou que “vivimos nun territorio fermoso pero altamente complexo no que a extensión de rede de banda larga ultrarrápida se refire” e apuntou que o Goberno galego “leva máis de 10 anos comprometido e traballando no eido da banda longa mediante actuacións de despregamento que foron enmarcadas nas distintas estratexias postas en marcha ata o de agora”.
“En todo o que sexa mellorar os servizos públicos aos cidadáns galegos, a Xunta estivo, está e estará sempre aberta á colaboración e a cooperación co Goberno de España e con aqueles operadores, como é o Adif, que amosen o seu interese de coordinación coa Administración autonómica para executar plans e proxectos de utilización das súas infraestruturas”, manifestou.
Deste xeito, Noelia Pérez sinalou que “a reutilización e compartición de infraestruturas físicas son unha das solucións que permitirán acadar un despregamento significativamente máis eficiente” e indicou que Retegal xa ofrece na actualidade soporte á TDT, á rede de emerxencias de Galicia e ás redes de banda longa de diversos operadores, “polo que xogará un papel importante para facilitar a chegada das redes ultrarrápidas a aqueles lugares máis illados”.
COMPETENCIA DO GOBERNO DE ESPAÑA
Porén, recordou que o Goberno de España “é o que ten a competencia para a xestión dos principais fondos comunitarios destinados á conectividade e 5G” e, deste xeito, pretende acadar en 2025 o obxectivo de que o 100 por cento da poboación dispoña de cobertura de 100 Mbps, dotar de 1 Gbps aos principais motores socioeconómicos e estender as novas redes 5G en vías de transporte e cidades.
“Para iso, conta con máis de 4.300 millóns de euros de fondos públicos, que teñen que ser distribuídos con criterios obxectivos e reais en función das particularidades de cada territorio”, concretou.