Santiago, 23 de abril de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou hoxe no Parlamento ao Goberno central “transparencia” na elaboración do Plan Nacional para a distribución dos fondos europeos Next Generation, porque “todas as comunidades autónomas se están movendo nun contexto de incerteza e descoñecemento”.
Así mesmo, agradeceu “a man tendida e a actitude da oposición de traballar polo país”, pero apuntou que “sería desexable que estas boas palabras se traduzan en feitos na Comisión de reactivación aberta no Parlamento galego”.
No debate dunha proposición non de lei sobre a captación de fondos Next Generation, Pedro Puy lamentou que o Plan Nacional “se estea a facer sen ningunha colaboración autonómica, nin o Goberno de Pedro Sánchez está a ser asesorado por un comité de expertos independentes, como acontece noutros países de Europa”.
APORTES DA OPOSICIÓN
“Estamos preocupados por coñecer os fondos que van vir para Galicia, porque a experiencia ata agora é que as cantidades que nos concederon non se axustan ao que nos correspondería por peso económico ou peso poboacional en España, e están lonxe do que se lle asigna a Galicia polo sistema de financiamento autonómico”, sinalou.
O portavoz popular lembrou que no caso de Galicia “está constituída neste Parlamento galego unha Comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia, pola que teñen pasado moitos expertos que fixeron propostas e agora atópase na fase de diálogo para redactar a súas conclusións”. Deste xeito, reiterou que os grupos da oposición “poden aportar as súas propostas dentro desta comisión”, que posteriormente serán trasladados ao Goberno galego.