Santiago, 28 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se amosa o rexeitamento da resolución do Parlamento Europeo sobre medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por riba do rendemento máximo sustentable (RMS), en particular zonas de recuperación de poboacións de peixes e zonas mariñas protexidas, de tal xeito que se reconsidere o seu contido en favor do xusto equilibro entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica e sociolaboral da actividade pesqueira.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, explicou que “esta resolución contén numerosos aspectos que son moi negativos para os intereses da cadea mar-industria de Galicia, xa que non se recoñecen os esforzos e logros do sector pesqueiro cara a sustentabilidade, os peches de áreas mariñas descríbense como a panacea e apóstase por substituír o criterio de rendemento máximo sustentable (RMS) polo de rendemento máximo económico (RME)”
EXCESIVA PRESIÓN NOS TRABALLADORES
“En definitiva, colócase unha excesiva presión medioambiental nos traballadores e traballadoras do sector, que xa teñen que afrontar outros retos como os efectos da obriga de desembarque, o Brexit, a pandemia da Covid-19 ou a reforma do regulamento de control”, engadiu.
Teresa Egerique apuntou que a resolución europea “non ten en conta a realidade social e económica do mundo do mar e, en consecuencia, é preciso que, desde todas as institucións sigamos traballando en favor do xusto equilibro entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica, social e de emprego da actividade pesqueira”.
?Continuaremos traballando polo xusto equilibrio entre a sustentabilidade medioambiental e a dimensións económico social e de emprego da actividade pesqueira, o futuro debe ser verde e azul e tamén asegurar o futuro do sector @temtem23 @RosaQuintanaMar @PacoMillanMon pic.twitter.com/r1oh7Hj9QG
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 27, 2021
“Debemos asegurar tamén que o futuro do sector pesqueiro sexa de todos os homes e mulleres que viven del e que a normativa vixente teña en conta as características singulares dunha actividade que pode ser plenamente sustentable é, á súa vez, xerar oportunidades de emprego e actividade económica”, manifestou.
Por último, a portavoz popular considerou “fundamental atopar o equilibrio necesario na balanza entre as medidas medioambientais e as socioeconómicas, os dous brazos dunha balanza que non poden ir contra o noso sector pesqueiro nin facelo culpable dos males medioambientais dos mares”.