Santiago, 29 de abril de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe o compromiso do Goberno galego coa mellora da atención sanitaria en Soutomaior, que se traduce na futura construción dun novo centro de saúde en Arcade, unha vez o Concello remate os trámites para ceder unha parcela que xa foi inspeccionada polos técnicos de sanidade e que cumpre con todos os requisitos, tanto de amplitude como de dotacións municipais e de servizos.
Encarna Amigo sinalou que o concello de Soutomaior “conta cunha prestación axeitada de atención primaria, conforme ás súas necesidades e tamén coa situación pandémica actual, que obrigou a reorganizar a atención”.
A construción do novo centro de saúde en Arcade “permitirá renovar unha infraestrutura que ten máis de 30 anos e facilitará unha atención máis integral a máis de 5.600 pacientes deste concello”. En concreto, a portavoz popular sinalou que o novo centro posibilitará separar a sala de extraccións da de urxencias ou a sala de pediatría da xeral para o resto de pacientes, así como ampliar a sala de educación maternal.
“Tamén dotará de espazo para acoller novas consultas de medicina e de enfermería co obxectivo de permitir o incremento da plantilla sanitaria para atender as demandas dos pacientes que acudirán a este centro de saúde de Arcade”, indicou Encarna Amigo.