Santiago, 6 de maio de 2021.- O Grupo Popular rexistrou hoxe no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se empraza á Xunta a constituír un observatorio para impulsar a eólica mariña na Comunidade galega. O texto definitivo foi avaliado nunha xuntanza que previamente mantiveron o vicevoceiro do grupo parlamentario e responsable da área de Industria, Miguel Tellado, e a portavoz do Mar, Teresa Egerique, co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; e a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
A proposta de posta en marcha deste observatorio nace coa idea de poder analizar as oportunidades e impacto que podería orixinar a implantación de parques eólicos offshore nas costas galegas a partir de estudos ambientais e socioeconómicos específicos e do diálogo con entidades nacionais, europeas e internacionais vinculadas a esta actividade. Trátase de avaliar polo miúdo o asentamento de parques no contorno mariño contiguo e, así, alcanzar o principal obxectivo: garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño.
ESTRATEXIA DE CRECEMENTO AZUL
Ademais, búscase promover e dinamizar o sector da eólica mariña mediante a promoción de elementos técnicos e de coñecemento desta tecnoloxía e a súa implementación.
A Estratexia de Crecemento Azul adoptada pola Comisión Europea en 2012 considera a enerxía de orixe mariña, denominada como “Enerxía Azul”, como un dos ámbitos prioritarios para proporcionar un crecemento sostible. De feito, prevé que en 2030 a capacidade de instalación anual de eólica mariña podería superar a eólica en terra, e estímase que subministrará o 14 por cento da demanda de electricidade na Unión Europea.
ALTO POTENCIAL EN GALICIA
Nese sentido, Galicia ten un alto potencial produtivo e experiencia demostrada na instalación e fabricación dos elementos necesarios para a instalacións de parques eólicos flotantes. Non obstante, a proposición non de lei parte da premisa de que a planificación espacial dos usos e aproveitamentos e a importante dimensión das actividades marítimo-pesqueiras na costa galega fan recomendable e necesaria unha compatibilidade das mesmas con estas novas propostas produtivas buscando, mesmo, a xeración de sinerxías.
Seguindo o que o Parlamento Europeo establece no estudo que elaborou sobre o impacto desta enerxía en sectores como a pesca, a proposición non de lei presentada polo Grupo Popular entende como necesario seguir un proceso de diálogo temperá e de consulta a todas as partes implicadas, na busca do máximo consenso e da achega de coñecementos.