Santiago, 6 de maio de 2021.- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, asegurou hoxe no Parlamento galego que a Xunta “fai un seguimento da execución do desmantelamento e descontaminación de Elnosa en Pontevedra, con informes periódicos e unha inspección final de comprobación, para acreditar que os terreos que ocupaba esta fábrica revertan ao Estado de acordo dos parámetros que fixa a lei”. Deste xeito, trasladou unha mensaxe de “tranquilidade, que non pasividade”, e solicitou que “baixo ningún concepto se recorra ao alarmismo”.
Marisol Díaz incidiu que “os mecanismos legais existentes de avaliación do impacto ambiental garanten a compatibilidade dun proxecto de desmantelamento e descontaminación coa protección do medio ambiente e a saúde das persoas, polo que non se debe xerar alarmismo e confusión entre os cidadáns”.
CUMPRINDO COA NORMATIVA
“Estase a cumprir coa normativa aplicable en materia de solos contaminados, esixindo a Elnosa unha análise de risco que parta dos escenarios máis conservadores para garantir a total eliminación do mercurio e aprobar un proxecto de descontaminación garantista, e esixindo a Ence que, malia a localización próxima a Elnosa, afonde na investigación das análises de risco, co fin de ter todos os datos necesarios para proceder á eliminación do mercurio”, apuntou.
A deputada popular manifestou que, “aínda que os actuais niveis de mercurio non comportan riscos, a consellería vai seguir investigando o que está a acontecer nesta área industrial de Lourizán, requirindo canta información sexa necesaria e, de ser preciso, adoptar todas as medidas que permitan controlar e eliminar a presenza de mercurio nestes terreos”.