Santiago, 7 de maio de 2021.- A deputada do Grupo Popular Cristina Sanz salientou hoxe no Parlamento galego que “o compromiso da Xunta coa cidade de Santiago nos seus orzamentos vai moito máis alá da partida que recibe na súa condición de capitalidade” e cualificou de “sorprendente que o PSdeG demande agora un incremento desta aportación cando entre as 570 emendas que presentou aos estados de gasto dos presupostos da Xunta para 2021 non había ningunha que recollera esta petición”.
Cristina Sanz lembrou que, en aplicación da Lei do estatuto da capitalidade de Santiago de Compostela, “a Xunta vén destinando anualmente unha importante cantidade dos seus orzamentos co fin de contribuír ao financiamento dos servizos e gastos do Concello derivados da súa capitalidade e da súa condición de sede das institucións autonómicas”. En concreto, a partida destinada neste 2021 ascende a 2.392.425 euros, o que supón un incremento do 3 por cento respecto a 2019.
ESTUDO OBSOLETO DE 2004
Na súa intervención, Cristina Sanz sinalou que a deputada socialista apoia a súa solicitude para incrementar a partida destinada a Santiago pola súa capitalidade a un estudo elaborado pola Universidade de Santiago, “un estudo obsoleto realizado en 2004 cando a realidade daquel momento nada ten que ver coa actual de 2021, co que as conclusións deste estudo non poden ser traídas ao momento actual”.
Ademais, amosou a súa sorpresa pola demanda do PSdeG no Parlamento galego “cando o Goberno socialista de Santiago non ten concorrido nos últimos anos ás axudas convocadas pola Xunta, como a liña competitiva do fondo de compensación ambiental, para liberar os fondos necesarios para o financiamento dos gastos de investimento que poida derivar da capitalidade”.
“Como tampouco apoiaron os deputados socialistas as distintas iniciativas que o Grupo Popular trouxo a este Parlamento demandando que nos orzamentos do Estado se incluíra unha partida para o Xacobeo 2021-22”, indicou a deputada popular.