Santiago, 7 de maio de 2021.- A deputada popular Felisa Rodríguez Carrera explicou hoxe no Parlamento galego que “a falta dunha demanda suficiente é a causa pola que Redondela non dispón de bacharelato de artes” e asegurou que “a Xunta está a ofertar as prazas suficientes para estes alumnos en institutos próximos á vila”.
En concreto, Felisa Rodríguez dixo que, segundo os datos recollidos nos IES de Redondela, hai constancia de 6 alumnos que solicitaron a admisión no bacharelato de Artes para o curso 2019-20; 7, para o curso 2020-21; e 10 para o 2021-22. “Por proximidade, aparte dos institutos que hai na cidade de Pontevedra, hai tres centros en Vigo que ofertan prazas, ademais do IES de Mos”, indicou.
DESPRAZAMENTO GRATUÍTO
Respecto do custe económico que supón para os alumnos de Redondela desprazarse ata estes centros, a deputada popular lembrou que “a Xunta ten a disposición de todos os mozos e mozas a tarxeta Xente Nova, coa que se poden desprazar gratuitamente no transporte interurbano”, aínda que lamentou que “non o poidan facer no transporte urbano de Vigo xa que este concello non está adherido á área de transporte metropolitano”.
Sobre a solicitude realizada polo BNG de recuperar as antigas Casas dos Mestres para implantar o bacharelato de Artes, Felisa Rodríguez manifestou que “están a falar de que a Xunta cambie unha decisión tomada polo Pleno do Concello de Redondela, no que se acordou por unanimidade solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio do Estado a cesión destas vivendas para destinalas a museo e biblioteca”.
“Un acordo que foi adoptado por todos os grupos municipais, polo que os seus compañeiros do BNG en Redondela non contemplaban a necesidade que agora traen os nacionalistas ao Parlamento galego”, incidiu.