Santiago, 12 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda a todas as administracións públicas, especialmente ao Goberno de España, a firma dun Pacto de Estado por Ferrol que dea unha resposta conxunta aos problemas da comarca, protexa o emprego e a industria, e se garanta un futuro para Ferrol, Eume e Ortegal. Así mesmo, reitérase unha vez máis a esixencia ao Goberno de España para que encargue a construción dun buque de acción marítima nos estaleiros de Navantia en Ferrol, que dote de carga de traballo inmediata tanto á plantilla principal como á industria auxiliar.
O viceportavoz popular, Miguel Tellado, explicou que “queremos dar un paso máis e, á solicitude para a construción dun buque-ponte en Navantia, traemos a proposta de asinar un Pacto de Estado por Ferrol que atope solucións conxuntas aso problemas económicos, demográficos e laborais de Ferrolterra, coa implicación de todas as administracións públicas con responsabilidades na comarca: concellos, Deputación Provincial, Xunta e, especialmente, o Goberno central”.
“Ante o abandono por parte do Goberno de España ante a tripla crise demográfica, económica e laboral que arrastra a comarca de Ferrol desde hai dúas décadas, a Xunta de Galicia decidiu dar un paso á fronte abrindo un proceso de diálogo con todos os axentes sociais, económicos e políticos da comarca; mobilizando recursos desde todos os departamentos do Goberno autonómico para priorizar investimentos e favorecer a localización de empresas; e impulsando un Pacto de Estado por Ferrol”, apuntou.
OITO EIXOS DE ACTUACIÓN
Tellado asegurou que, “tanto o Goberno galego como o PPdeG, non estamos dispostos a abandonar a Ferrol, e todos os ferroláns teñen o noso compromiso de que faremos todo o posible para mellorar a situación actual e garantir un futuro para a comarca”.
Na súa intervención, explicou que o Pacto de Estado por Ferrol baséase en oito eixes estratéxicos: recuperar o tecido empresarial, mediante plans de recuperación e axudas directas; reforzar as industrias estratéxicas, como o naval, a enerxía e as electrointensivas; modernizar a económica da comarca, especialmente nos sectores forestal, naval, sector primario e alimentario; crear un polo enerxético que aproveite as diferentes modalidades de produción de enerxía (biocombustible, gas, hidroxeno verde e eólica mariña); impulsar cadeas de valor para incorporar os sectores auxiliares; fomentar a innovación e o coñecemento, potenciando o CIS Ferrol e o Campus Industrial; incrementar a competitividade a través da aposta polas infraestruturas da comarca; e a consolidación, ampliación e modernización dos servicios públicos docentes, sociais e sanitarios.
“A situación da comarca de Ferrol é dunha gravidade extraordinaria, polo que é o momento de actuar e de implicarse, tanto desde os seus partidos como desde as deputacións e concellos da comarca”, demandou Tellado.