Santiago, 14 de maio de 2021- A Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a iniciativa encamiñada á creación dun Centro integral para a loita contra o lume en Toén Ourense, a provincia máis afectada polos incendios forestais, dotado con persoal especializado no comportamento e análise dos lumes forestais, para dar formación aos bombeiros forestais e desenvolver análise e investigación.
O deputado popular José Antonio Armada, encargado de defender a iniciativa, indicou que o antigo hospital de Toén converterase nun motor económico de Galicia, nun proxecto pioneiro en Europa e un modelo de campus forestal que contará cos maiores especialistas no comportamento a análise dos incendios.
José Antonio Armada indicou que o Centro terá un dobre obxectivo, por unha banda, centralizará nun mesmo punto a formación e a investigación relacionada coa loita contra os incendios forestais. Deste xeito crearase un centro de excelencia formativa eminentemente práctico para a cooperación, investigación e a formación continua do que poderán beneficiarse bombeiros forestais procedentes de toda Europa.
“Melloraremos e fortaleceremos as nosas capacidades de defensa fronte aos incendios, dotando aos profesionais dun espazo de traballo adaptado ao desenvolvemento de novos enfoques no previsible escenario futuro de lumes” indicou o deputado popular nomeando, por exemplo, o circuito específico para prácticas de condución de vehículos e camións para desenvolver habilidades de todos os efectivos que manexan vehículos co que contará o Centro.
En canto ao segundo obxectivo, sinalou José Antonio Armada que no Centro instalarase unha aula medioambiental para formar estudantes de toda Galicia e para concienciar á sociedade sobre o traballo dos bombeiros forestais como defensores que son do noso monte. Nese sentido, se está a promover a ordenación da contorna do centro, de xeito que sexa un modelo de multifuncionalidade e biodiversidade forestal.
O deputado popular engadíu que o Centro disporá dun plan específico de formación, coa idea de ter rematado todo o proxecto en 2025 e, sen dúbida, “o Centro constituirá o eixe central do Plan de Formación programado para todo o noso servizo de prevención e extinción”.
Así mesmo, contemplase a construción e adecuación dunha rede mellorada e eficiente de puntos de encontro, tanto nas instalacións do persoal, almacéns do material de prevención e extinción coma no que ten que ver coa construción de garaxes para os vehículo e actualizarase o equipamento e o parque móbil de vehículos e de motobombas para defensa contra incendios forestais. “Actuacións para as que se dispoñen xa de 15 millóns de euros nos actuais orzamentos para o 2021” sinalou José Antonio Armada.