Santiago, 19 de maio de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marisol Díaz Mouteira demandou hoxe no Parlamento galego que o Concello de Santiago ceda á Xunta un espazo axeitado para o desenvolvemento das funcións do Instituto de Medicina Legal (Imelga).
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre a localización da nova sede do Imelga, Marisol Díaz explicou que “será un edificio esencialmente administrativo, onde traballarán 12 forenses, seis psicólogos e traballadores sociais, así como funcionarios da Administración de Xustiza”. “O mesmo persoal que neste momento traballa na sede da rúa Viena de Santiago”, apuntou.
ORZAMENTO PARA ESTE ANO
Respecto da polémica pola parcela ofrecida polo Concello á Xunta, a deputada indicou que “non imos entrar a valorar as denuncias da veciñanza de Fontiñas sobre a carencia de dotacións de servizos e infraestruturas comunitarias neste barrio compostelán, nin sobre as acusacións de falta de diálogo e consenso cos responsables municipais”.
“A Xunta nunca pediu unha parcela concreta nin determinou cal debería ser o terreo a ceder”, manifestou Díaz Mouteira, quen concretou que o Goberno galego “limitouse a solicitar ao Concello unha parcela destinada á construción dunha nova sede para o Imelga”, que xa conta cunha partida de 320.000 euros para a redacción do proxecto e posterior licitación das obras nos orzamentos de 2021.