Santiago, 20 de maio de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a normalizar a presenza do galego nos centros sanitarios, garantir a existencia de exemplares en galego de calquera documentación que se lle teña que facilitar aos doentes ou que teñan que asinar, e realizar todas as actuacións formativas precisas tanto para que os profesionais teñan a competencia lingüística precisa para atender aos doentes en lingua galega.
A deputada popular Noelia Pérez explicou que “imos apoiar esta iniciativa do BNG non por novidosa, senón porque o Goberno galego ten o compromiso de seguir traballando na transmisión e no emprego da lingua en moitos colectivos profesionais, e no sanitario especialmente, mantendo pontes cos distintos axentes sociais, a Mesa pola normalización lingüística ou cal queira outra entidade, porque o galego non é propiedade de ninguén e segue a ser unha lingua viva e maioritaria en Galicia”.
INVESTIR NO GALEGO
“Do mesmo xeito que o Goberno galego está a investir en sanidade, con novos hospitais, novos centros de saúde e a posta en marcha de mais e mellores servizos; tamén seguirá investindo e traballando en fomentar o uso do galego en todos os ámbitos, en todas as idades, no noso territorio e máis aló das nosas fronteiras”, apuntou.
Así mesmo, Noelia Pérez subliñou que “que un país teña dúas linguas é unha das maiores riquezas coas que conta o ser humano, e temos que aproveitar esta oportunidade e non convertela nun problema ou nunha arma de confrontación e separación política e cidadá”.