Santiago, 21 de maio de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Luis Ferro afirmou hoxe que “a declaración como ben de interese cultural do monumento aos mártires de Carral podería supoñer un incremento da súa consideración, pero a súa protección xa está garantida, xa que está incluído no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia desde o ano 1993 e está incluído no Plan Básico Autonómico”.
“Sendo un ben de titularidade pública e localizado nun espazo público, as determinacións adicionais que supón a súa declaración como ben de interese cultural, como a visita pública, a posibilidade de tanteo ou retracto, ou a expropiación, ou non son de aplicación ou xa están garantidas pola súa propia realidade”, sinalou José Luis Ferro.
O deputado popular incidiu que o monumento aos mártires de Carral “conta xa cun nivel de protección integral, e figura no catálogo das normas subsidiarias do concello desde hai case 30 anos”.