Santiago, 25 de maio de 2021.- O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe no Pleno ao BNG e PSdeG que “non nos pidan que apliquemos en Galicia aquelo que non funciona no resto de España, porque cada vez que os socialistas gobernan, respaldados polos nacionalistas, o paro medra polas súas políticas de emprego fracasadas”.
Balseiro manifestou que “a sociedade agarda de nós que sexamos capaces de debater, de acordar e de traballar no obxectivo común de reducir o máximo posible o impacto da crise laboral e social derivada da pandemia”, pero lamentou que BNG e PSdeG “non estean nas cuestións que ocupan e preocupan aos galegos”.
“Teñan a valentía de non pretender trasladar a Galicia ás receitas do Goberno de Pedro Sánchez que fracasan e fagan que pague á Xunta, en tempo e forma, os fondos que recibe de Europa en materia de emprego, porque aquí se xestionan mellor”, indicou.
REFORMAS VALENTES E SENSATAS
Neste sentido, o portavoz popular lembrou que, segundo os últimos datos publicados, Galicia é a comunidade autónoma española na que máis baixa o paro tanto a nivel interanual como intermensual. “Cando en Galicia diminuímos o número de parados respecto ao mes de abril de 2020 nun 10,88 por cento, en España esta cifra empeora e increméntase nun 2,07 por cento”, concretou. Así mesmo, o número de afiliados á Seguridade Social no último ano incrementouse en 27.000 persoas.
José Manuel Balseiro afirmou que “o Goberno galego e o PPdeG estamos dispostos a promover as reformas valentes e sensatas que sexan precisas para mellorar o funcionamento das oficinas de emprego, porque confiamos na profesionalidade e a capacidade dos seus funcionarios, aos que dotaremos de máis medios para facer o seu traballo”.
DERROGAR A REFORMA LABORAL
Por outra banda, no debate dunha moción sobre emprego xuvenil, Balseiro manifestou que “algo estaremos facendo mellor en Galicia cando aquí o paro entre os mozos é do 12 por cento, fronte ao 18 por cento en España”. “Cando goberna o PP, o que se discute é a calidade do emprego que se crea; mentres que cando goberna o PSdeG, o que se discute é a cantidade do emprego que se destrúe”, sinalou.
Respecto da proposta de derrogar a reforma laboral do PP, o portavoz popular incidiu que “o que non explican é que queren regresar a un sistema laboral que provocou, durante o Goberno de Zapatero, unha elevadísima taxa de temporalidade entre os mozos, que chegou a superar o 61 por cento, e provocou a destrución de máis de un millón de empregos entre menores de 25 anos e de dous millóns entre menores de 35 anos”.