Santiago, 25 de maio de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Rey Varela demandou hoxe no Pleno do Parlamento “falar de Ferrol e non de partidiños”, porque “sabemos facer barcos e queremos facelos; queremos o dique para ser competitivos; queremos a modernización do Arsenal; queremos a rexeneración da ría; queremos solo industrial; queremos o asentamento de proxectos Next Generation para diversificar o emprego; queremos apostar polo turismo, pola economía verde, polo emprego e a igualdade; e todo elo son as apostas do Pacto de Estado por Ferrol”.
José Manuel Rey criticou que o PSdeG trouxera hoxe ao debate no Pleno unha proposición de lei “que é un corta e pega doutra igual presentada sete días antes para A Coruña, e que reutilizaron despois da folga xeral de Ferrolterra, Eume e Ortegal”. “Non vale o mesmo para Ferrol que para A Coruña, porque somos unha cidade que nace para facer barcos e para albergar os buques da Armada Española, unha cidade ao servizo do Estado”, incidiu.
INCONGRUENCIA DO PSdeG
Na súa intervención, o deputado popular recomendou aos socialistas “non falar en Ferrol de que a situación do naval non depende dun goberno, porque Navantia, que é a nosa principal empresa, é cen por cento pública; e porque o seu principal cliente é a Armada, que tamén é cen por cento pública”. “Por iso, cando hai unha crise xeral, Ferrol sufre o dobre se o Estado non actúa”, sinalou.
Rey demandou ao PSdeG “congruencia nas súas votacións parlamentarias, porque está a apoiar en Galicia o encargo dun buque de acción marítima para a Armada no estaleiro de Navantia en Ferrol, pero vota en contra deste mesmo acordo nas Cortes Xerais”.
Neste sentido, tamén recordou a iniciativa aprobada no Parlamento galego pedindo a transformación do buque mercante Galicia nos estaleiros de Navantia en Ferrol, pero alertou de que hoxe se coñecía a súa saída do porto de Vigo e cuestionou “cal é o seu rumbo? Ao norte a Ferrol, ou ao sur a Cartaxena”.