Santiago, 2 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que reconsidere a súa decisión de centralizar as salas 091 da Policía Nacional de Ourense e Lugo no CIMACC de A Coruña, e restaure este servizo en Ourense e Lugo ao obxecto de seguir prestando un servizo público eficaz e próximo aos cidadáns.
Así mesmo, solicítase que con carácter urxente cubra todas as vacantes existentes nos cadros de persoal das comisarías galegas e incremente os medios materiais necesarios para o seu correcto funcionamento, ao tempo que se cobren todas as vacantes existentes no cadro de persoal da Unidade de Policía adscrita á Comunidade Autónoma.
A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez criticou “a decisión unilateral” do Goberno de España de desmantelar as salas de 091 en Ourense e Lugo, “atendendo exclusivamente a criterios económicos e no peor momento para Galicia, xa que se materializou en pleno Ano Xacobeo, sen ter en conta a opinión dos cidadáns, das federacións provinciais de veciños, dos propios policías ou dos sindicatos representativos da Policía Nacional”.
“A estandarización e a centralización restan eficiencia e proximidade na urxencia real e nos servizos propios da policía”, manifestou a deputada popular, quen sinalou que “non podemos permitir que os cidadáns de Ourense e de Lugo vivan con esa inquietude e esa intranquilidade, ademais da frustración que teñen que sentir os policías canto teñen que desenvolver o seu traballo”.
MERMA DE PLANTILLAS
Noelia Pérez criticou que, ademais de concentrar os servizos no CIMACC de A Coruña, o Goberno central “está a mermar as plantillas de policías nacionais en Galicia”. En concreto, afirmou que “Ferrol, Santiago e Viveiro perderon efectivos na rúa, que se atopan nestes intres na Sala CIMACC de A Coruña, sen tan sequera recibir os cursos de formación para a utilización do programa Séneca, que os propios mandos da Policía recoñecen que é extremadamente complexo”.
“Están en risco as persoas que debemos servir e protexer, e é a nosa obriga que desde este Parlamento reiteremos e esixamos de novo que se restaure o servizo das salas 091 nas comisarías de Ourense e Lugo para prestar un servizo público eficaz e próximo aos cidadáns”, rematou.