Critica o “ecoloxismo de propaganda” do Goberno de Sánchez, que autoriza parques eólicos onde a lexislación galega xa non o permite, e sinala que o PPdeG avoga por un desenvolvemento ordenado da enerxía eólica en Galicia que ofreza as máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que o seu partido avoga por un desenvolvemento ordenado da enerxía eólica en Galicia, que ofreza as máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais. Pola contra, criticou que o Goberno do PSOE estea provocando un auténtico caos cunha normativa que xera un efecto chamada, autorizando parques eólicos incluso onde a lexislación galega xa non o permite.
Nese senso, afeou a complicidade co Executivo central do BNG, “que fixo presidente a Pedro Sánchez e segue sendo refén das súas políticas a cambio de esmolas en deputacións e concellos”. Por este motivo, apuntou que os populares non están dispostos a aceptar ningunha lección do Bloque neste ámbito “cando o seu ecoloxismo vale tanto como un carguiño na Deputación”.
“Defendemos un modelo sustentable, que compatibilice a protección do medio ambiente e a actividade do sector primario coa consolidación das enerxías renovables. Por iso seguiremos opoñéndonos por completo a este ecoloxismo de propaganda do Goberno de Pedro Sánchez”, subliñou.
“Mellor nos irían as cousas en Galicia se atopásemos en Madrid un Goberno que defendera un modelo enerxético coherente e dera solucións aos problemas reais da cidadanía”, dixo referíndose á subida que acaba de provocar o Executivo central no prezo da luz e coa que “parece que pretende que agora vivamos a escuras ata as doce da noite”.