Santiago, 7 de xuño de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe no Parlamento que “é o momento de repensar unha baixada da tarifa eléctrica” para “non cargar o peto dos cidadáns con maiores custos adicionais da enerxía nin que as empresas teñan que facer fronte a facturas eléctricas superiores ás que pagaban durante a pandemia sanitaria”.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia perante os medios de comunicación reiterando o seu pesar polo pasamento da deputada socialista Isaura Abelairas, e trasladando o pésame á súa familia e amigos. “Verdadeiramente, levou con moita enteireza a súa última etapa como deputada, pese á gravísima enfermidade que padecía, polo que foi un exemplo para o conxunto da Cámara”, salientou.
TRANSICIÓN ENERXÉTICA EQUILIBRADA E XUSTA
Puy manifestou que “estamos asistindo á introdución dunha nova factura eléctrica, sen diálogo e sen atender as peticións das comunidades autónomas, e sen solucionar algúns dos temas que temos pendentes, como o prezo da industria das industrias electrointensivas”. Neste sentido, lembrou que desde o PPdeG “levamos pedindo desde o primeiro momento unha transición enerxética equilibrada e xusta, pero apreciamos unha fonda oposición desde ámbitos políticos moi concretos á apertura de novas fontes de enerxía limpas en Galicia, nas que temos un potencial evidente, como o eólico”. Asegurou que “todos os proxectos teñen que cumprir todas as normas legais, sobre todo o respecto ao medio ambiente e a exclusión das zonas protexidas”.
Respecto das tarifas eléctricas, o portavoz popular lembrou que “existe unha clara presenza e intervención do Goberno central no prezo final da factura eléctrica”, polo que avogou porque “todo o que se acumula na factura non caia exclusivamente nos lombos do consumidor final, senón que se faga a través dos orzamentos do Estado”. Así, engadiu que “existen algunhas cuestións que permitirían que o consumidor final pagase menos”, e avogou porque “a redistribución do custo da produción da enerxía se faga a través do sistema fiscal, que ten unhas compoñentes redistributivas que non ten a factura eléctrica, onde calquera familia ten uns mínimos de consumo imprescindibles e necesarios”.
Cuestionado sobre a implantación dunha tarifa eléctrica galega. Pedro Puy lembrou que esta cuestión foi debatida na pasada lexislatura nunha Comisión de Estudo, na que se chegou á conclusión que unha tarifa a nivel español permite ter uns prezos máis baixos da electricidade. “A tarifa eléctrica galega suporía un prezo máis elevado da enerxía en Galicia, onde, ademais dos problemas xerais que hai para o transporte da enerxía, engádese o problema das fontes de enerxías renovables que son cíclicas e a necesidade de estender a rede de distribución por todos os núcleos de poboación galegos”, explicou.
GRAN OPORTUNIDADE PARA GALICIA
Para rematar, o portavoz popular referiuse á segunda proposición non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno de maña, a través da que se demanda ao Goberno central que conte coas comunidades autónomas na elaboración do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-22, concretando as accións a desenvolver e os recursos económicos.
Deste xeito, Puy considerou “unha gran oportunidade para Galicia o feito de que se ampliara o Ano Santo a 2022, circunstancia que debemos aproveitar para potenciar o turismo de cara ao futuro decenio xacobeo”. Por este motivo, incidiu que “queremos que o Goberno central concrete o contido do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-22, un fenómeno moi oportuno para a recuperación da actividade turística logo da pandemia e que beneficia principalmente á España interior”.