Román Rodríguez mantivo hoxe unha reunión de traballo no Congreso cos deputados da Comisión de Educación do Partido Popular
O deputado do PPdeG no Parlamento galego e conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo no Congreso con deputados do Grupo Popular para analizar a situación do ensino e demandar ao Goberno de Pedro Sánchez que habilite, canto antes, as medidas correctoras necesarias para rematar dunha vez por todas coa discriminación nas probas de acceso á universidade, ABAU.
Na xuntanza de traballo, presidida pola portavoz parlamentaria, Cuca Gamarra, participaron a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor, e a portavoz de Educación, Sandra Moneo, xunto con deputados do PP na Comisión de Educación do Congreso.
Román Rodríguez sinalou que é urxente acadar un acordo a nivel estatal para garantir un sistema educativo igualitario e equitativo, onde se preserve a accesibilidade de todos os alumnos en igualdade de condición independentemente de onde vivan.
O deputado do PPdeG referiuse en concreto ás probas de acceso á universidade (ABAU) que se están desenvolvendo nestes días nas diferentes comunidades e que no caso dalgunhas delas -avaladas pola Lomloe- non se esixe ter todas as materias de Bacharelato aprobadas para presentarse ás probas, o que significa unha discriminación fronte a autonomías como Galicia que si é necesario acadar o aprobado. “Non se trata de substituír un modelo por outro, senón que sería interesante apostar por unha homoxeneización e estandarización que se pode acadar por diversas vías”, apuntou, que puxo en valor o modelo galego “que está funcionando con notable éxito como o avalan os datos PISA”.
Non obstante, invitou a unha reflexión cando comunidades como Galicia e Castela e León “cos mellores resultados en PISA son curiosamente as de peores datos na ABAU”. Por tal motivo, é prioritario avanzar cara “un sistema xusto, que prime o esforzo e a calidade, que dea igualdade de oportunidades e que non xere falsas esperanzas aos alumnos que, polo motivo que sexa, non poden aprobar o curso no seu ritmo ordinario e, sen embargo, a través dunha desigualdade que xera a Lomloe, noutras comunidades si o poden facer”.