Santiago, 8 de xuño de 2021.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta avance nos traballos de auditoría para determinar as competencias impropias que está asumindo a Administración autonómica e os concellos, así como os custos económicos respectivos, co fin de contribuír á mellora do sistema de financiamento local.
Paula Prado recoñeceu “a asunción de competencias impropias por parte das diferentes administracións”. Para paliar esta situación, lembrou que xa está en marcha o convenio de colaboración entre a Xunta e a Universidade de Santiago, asinado o pasado mes de decembro e que tamén contará coa colaboración da Fegamp, para a realización dunha auditoría que delimite as competencias entre a Administración autonómica e a local, identificando as posibles duplicidades funcionais e, sobre todo, localizando as competencias impropias que está asumindo cada administración e os custos económicos respectivos, con especial atención ao marco competencial relacionado coa xestión da pandemia provocada pola Covid-19.
FONDO INCONDICIONADO E GARANTIDO
“Galicia foi unha comunidade autónoma pioneira en fixar un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos en 2011, cunha garantía de mínimos, unha verdadeira participación nos ingresos, obxectivo e incondicionado na súa aplicación”, salientou a viceportavoz popular.
Neste sentido, Prado apuntou que o Fondo de Cooperación Local (FCL) é unha aportación da Xunta aos concellos incondicionada, xa que pode ser destinado ao que eles queiran; e garantida, xa que o seu importe non pode ser inferior ao que recibiron no ano 2010. Deste xeito, a Xunta está a distribuír cada ano máis de 120 millóns de euros a través deste fondo.
“Pero as axudas da Xunta aos concellos non se limitan unicamente ao FCL, senón que, tendo en conta as demais transferencias ás entidades locais que figuran recollidas nos orzamentos de 2021, recibirán máis de 400 millóns de euros neste exercicio, isto é, 10,5 millóns de euros máis que o pasado ano”, sinalou.
Por último, Paula Prado reclamou, unha vez máis, “a definición dun novo modelo de financiamento autonómico e local por parte do Goberno central, que dea certeza dos recursos cos que pode contar cada administración e que teña en conta as particularidades dos concellos na súa distribución, como os factores demográficos e de dispersión xeográfica”.