“Sánchez pactou nas prisións o seu acordo de investidura”, di explicando que o presidente aceptou sacar do cárcere aos que foron condenados en firme polo Tribunal Supremo
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, amosou o seu temor pola deriva do BNG, explicando que o nacionalismo galego quere seguir a mesma folla de ruta do independentismo catalán. Mostra disto é a xuntanza telemática de hoxe entre Ana Pontón e Gabriel Rufián, xusto o mesmo día en que miles de cidadáns están manifestándose en Madrid en contra dos indultos que o Goberno de Pedro Sánchez parece estar preparando aos condenados polo procés.
Segundo indicou o número dous dos populares galegos, o obxectivo do Bloque é catalanizar a política de Galicia, sen embargo, aclarou que, fronte a esta intención, o PPdeG sempre estará do lado do Estado de Dereito e do da defensa da Constitución.
OS ESPAÑOIS NON INDULTARÁN AO GOBERNO
Precisamente durante a concentración celebrada hoxe na Praza de Colón, Tellado expresou que os españois non van indultar ao Executivo de Pedro Sánchez, sinalando que o que pretende facer cos indultos aos presos independentistas pasaralle factura cando os cidadáns teñan dereito a decidir o futuro que queren para España.
“Sánchez pactou nas prisións os seu acordo de investidura”, subliñou manifestando que considera que estes indultos forman parte do pacto secreto que o fixo presidente co apoio dos independentistas, aceptando así sacar do cárcere aos que foron condenados en firme polo Tribunal Supremo.
Ademais, apuntou que, neste caso, non se dan as circunstancias para conceder un indulto, pois é evidente que non hai arrepentimento por parte dos condenados senón unha vontade de reincidencia. “Isto non é o que merece un país como o noso, unha democracia consolidada como a española”, engadiu.
O secretario xeral lamentou que Sánchez continúe antepoñendo os seus intereses partidistas e persoais por riba do respecto esencial ás normas básicas dunha democracia e asegurou que acabará pagando nas urnas esta traizón ao noso país. De feito, aseverou que a saída á rúa desta mañá é unha chamada de atención que o socialista non pode pasar por alto, debendo decidir se quere que os seus apoios sexan os españois que defenden o Estado de Dereito ou os golpistas que non se arrepinten do que fixeron.