Santiago, 22 de xuño de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, insistiu hoxe no Pleno do Parlamento na demanda ao Goberno de España para que elimine a taxa de reposición na sanidade galega, porque, “no momento en que a elimine definitivamente, o Servizo Galego de Saúde ofertará cerca de 3.000 prazas para a estabilización dos profesionais da sanidade pública galega”.
?@EncarnaAmigoSER interpela aos socialistas galegos para que intercedan ante os seus compañeiros en Madrid:se Administración central eliminara a taxa de reposición no Sergas poderíanse ofertar preto de 3.000 prazas para a estabililización dos profesionais sanitarios pic.twitter.com/K3XFnkiVFu
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 22, 2021
“Esta cifra, xunto coas máis de 2.000 prazas convocadas entre os anos 2020 e 2021, suporía a incorporación de máis de 5.000 profesionais na sanidade pública galega”, sinalou.
Encarna Amigo lamentou que “a día de hoxe, aínda que o Sergas queira ofertar todas as prazas que requiren as necesidades asistenciais, e non soamente as vacantes xeradas polas xubilacións, non sería posible se non se elimina a taxa de reposición”.
“Pero é que, lonxe de proceder a retirar esta taxa de reposición, o Goberno central anuncia que van sancionar a temporalidade, unha resposta totalmente incongruente porque, por unha banda, non deixa convocar máis prazas e, por outra, tampouco se pode facer contratos temporais”.
A portavoz popular explicou que “a mellor fórmula posible para acadar unha maior estabilidade de persoal é a convocatoria de ofertas públicas de emprego”, e lembrou que o Sergas xa convocou nesta lexislatura dúas ofertas: unha de 985 prazas de licenciados, técnicos sanitarios e outras categorías en 2020; e outra de 1.215 prazas en 2021, a metade dos cales son para estabilizar con praza fixa a persoal de enfermería.
Amigo salientou a posta en marcha en 2019, logo dun acordo cos sindicatos, do nomeamento eventual de continuidade para as categorías de medicina de familia e persoal de enfermería. O obxectivo destes contratos, cunha duración de tres anos e que garanten unha remuneración por enriba dos 60.000 euros para os médicos de familia e máis de 30.000 para enfermería, é outorgar maior estabilidade laboral aos profesionais, fidelizar os recursos humanos, fomentar a continuidade asistencial e garantir unha maior calidade da asistencia á poboación.