Santiago, 24 de xuño de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central o traspaso das competencias en materia de saúde penitenciaria á Xunta para a súa asunción polo Servizo Galego de Saúde, acompañada dos medios humanos, económicos e materiais necesarios, atendendo á suficiencia dinámica para a prestación do correspondente servizo, así como da compensación da débeda contraída polo Ministerio de Interior co Sergas.
“Esta demanda non exime que desde o PPdeG prioricemos no traspaso das transferencias da AP-9 e da xestión do dominio público máritimo-terrestre”, insistiu a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo.
Na súa intervención, a deputada popular lembrou que esta competencia “xa foi solicitada por unanimidade do Parlamento galego en 2015, do mesmo xeito que temos pedido en reiteradas ocasións o traspaso da AP-9 ou do dominio público marítimo terrestre”. Deste xeito, apuntou que “corresponde ao Goberno de España, a través do ministerio con competencias na materia, levar a cabo a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias, de xeito que se leve a cabo o proceso de negociación entre a Administración central e a Xunta para levar a cabo este traspaso”.
ACOMPAÑADA DOS MEDIOS ECONÓMICOS
Rodríguez-Vispo sinalou que, ademais da competencia directa en materia de saúde penitenciaria, “esta transferencia ten que vir acompañada dos medios económicos precisos para levala a efecto, valorando tanto o custe efectivo como o custe real do traspaso e sumando as cantidades adebedadas polo Goberno central a Galicia pola atención ofrecida aos reclusos desde o Sergas”.
En concreto, a deputada popular explicou que o Sergas facturou 19,6 millóns de euros desde 2013 polos servizos sanitarios prestados aos cinco centros penitenciarios existentes en Galicia, recibindo unicamente un ingreso de 6,2 millóns de euros. “En consecuencia, neste momento existe unha débeda de 13,4 millóns de euros das institucións penitenciarias co Sergas”, sinalou.