Santiago, 25 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe o Plan de Traballo do Consello de Contas para 2021, no que se incorporan 11 novas recomendacións, entre as que se inclúe a realización de informes sobre a actividade económica-financeira das entidades públicas dependentes da Administración Xeral da Comunidade galega;
sobre os resultados para Galicia do acordo para a reforma do sistema de financiamento das comunidades autónomas; sobre a contratación de emerxencia durante a pandemia da Covid-19; sobre o custo dos concertos hospitalarios do Sergas; ou sobre o gasto do sistema sanitario galego e en recursos humanos, así como os fondos recibidos para afrontar a pandemia.
Na sesión celebrada esta mañá da Comisión permanente para as relacións co Consello de Contas, o portavoz do Grupo Popular na materia, José Manuel Rey, considerou “necesario seguir avanzando no control e eficacia das sociedades instrumentais e, deste xeito, instamos á Xunta para que poña en marcha o rexistro de entidades dependentes previsto na LOFAXGA e estableza sistemas de identificación das entidades que poden recorrer aos requisitos legais para ser consideradas integrantes do sector público autonómico”.
6 RECOMENDACIÓNS DO GRUPO POPULAR E 5 DA OPOSICIÓN
José Manuel Rey concretou que se incorporaron seis novas recomendacións do Grupo Popular para o Plan de Traballo do Consello de Contas para 2021. En concreto, demándase a realización de informes sobre a actividade económico-financeira das entidades públicas dependentes da Administración Xeral da Comunidade galega; sobre recoñecementos extraxudiciais naquelas administracións que presenten unha porcentaxe elevada sobre os seus recursos totais; sobre os convenios asinados pola Xunta coa Fegamp e as deputacións para a promoción de actuacións en materia de prevención da corrupción; sobre as melloras na simplificación en materia de subvención e contratación; sobre medidas de boa administración e goberno; e sobre os procesos de identificación e avaliación de riscos que se realicen nos plans de prevención das Consellerías.
Así mesmo, aceptáronse outras cinco recomendacións dos grupos da oposición para que o Consello de Contas realice informes. O primeiro deles é sobre os resultados para Galicia do acordo de 2009 para a reforma do sistema de financiamento das comunidades autónomas. “Facémolo nun momento de fonda recuperación, cun Goberno de España centrado nunha comunidade autónoma e esquecéndose das outras 16, e no que cada reparto económico de fondos é á carta, prexudicando sempre a Galicia”, sinalou o portavoz popular.
IMPLACABLES NA XESTIÓN DOS FONDOS PÚBLICOS
O Plan de Traballo para 2021 tamén incluirá un informe sobre os custos dos concertos hospitalarios do Sergas, no que inclúa o custe global concertado con cada hospital e o custe por servizo, coa indicación expresa da comparativa se se fai no público ou no concertado, así como o volume dos concertos sobre o orzamento do Sergas.
Outra das recomendacións aprobadas é a fiscalización sobre o gasto do sistema sanitario galego e en recursos humanos, así como os fondos recibidos para afrontar a pandemia. Tamén se pide a elaboración dun informe sobre a contratación de emerxencia, “porque se hai que se implacables na xestión dos fondos públicos, moito máis en momentos de crise, porque ninguén admitiría vantaxismos empresariais a da dor da xente”, indicou José Manuel Rey.
ESTABILIDADE POLÍTICA E INSTITUCIONAL
Por outra parte, na Comisión do Consello de Contas aprobouse o informe de fiscalización das contabilidades electorais das eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020. Rey amosou a satisfacción porque “o resultado indica que os partidos cumpriron a legalidade e utilizaron adecuadamente os seus recursos, o que indica que Galicia conta cunha estabilidade política e institucional que valoran os galegos, sobre todo tendo en conta a preocupación social que amosan os estudos sociolóxicos sobre os políticos e os partidos”.