Santiago, 1 de xullo de 2021.- A Comisión 5ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame da proposición de lei de reforma da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero para a inclusión da violencia vicaria como unha nova forma de violencia de xénero.
?️É un paso de xigante a introducción de calquer tipo de violencia dun home sobre fillos ou fillas ou familiares como violencia vicaria,Galicia leva desde o 2015, sen dispoñer de lexislación, actuando con estas mulleres como vítimas reais de violencia de xénero @paulapra2 pic.twitter.com/geTaUJPhTq
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 1, 2021
“Galicia, unha vez máis, está sendo das primeiras comunidades autónomas en lexislar sobre a violencia vicaria, aínda que estas mulleres e cativos vítimas xa levan sendo recoñecidas e beneficiarias das axudas e servizos galegos desde o ano 2015”, sinalou a viceportavoz popular, Paula Prado.
A modificación da Lei 11/2007 permitirá incluír a violencia vicaria como unha forma máis de violencia de xénero ás descritas no texto lexislativo: violencia física; violencia psicolóxica; violencia económica; violencia sexual e abusos sexuais; acoso sexual; e tráfico de mulleres en nenas con fins de explotación.
Paula Prado lembrou que o Grupo Popular amosouse a favor de introducir na lexislación galega a violencia vicaria, “tendo presente que en Galicia, aínda que non estivera na lexislación, o Goberno galego xa estaba poñendo os medios necesarios a disposición desas vítimas e xa se viña facendo a través das actuacións na materia desde hai anos”.
ENRIQUECER O TEXTO
Así mesmo, apuntou que na tramitación desta modificación “introducimos algunhas modificacións para enriquecer a Lei 11/2007”. En concreto, explicou que na ponencia “apoiamos a consideración de que as nais de menores asasinados polos seus proxenitores e os orfos de nais asasinadas a mans das súas parellas ou ex-parellas sexan recoñecidos como vítimas de violencia de xénero”.
“Pero desde o Grupo Popular quixemos ir máis alá e, unha vez admitida a trámite esta proposición de lei, incluímos no recoñecemento como violencia vicaria a exercida sobre calquera outra persoa estreitamente unida á muller coa finalidade de causarlle maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia”, engadiu.
Deste xeito, Paula Prado asegurou que a lei “non só fai referencia ao homicidio ou asasinato, senón a calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller ou calquera outra persoa estreitamente unida a ela”.