Santiago, 1 de xullo de 2021.- A Comisión 5ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame da proposición de lei para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, quedando pendente da súa aprobación definitiva en Pleno para a súa entrada en vigor.
?️Para o @ppdegalicia era importante garantir por lei a igualdade real entre homes e mulleres no ámbito universitario e da investigación conscientes dos obstáculos nos que é preciso actuar , entre eles a conciliación e a maternidade @paulapra2 pic.twitter.com/RYo03iqehU
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 1, 2021
“Galicia vaise converter na primeira comunidade autónoma que garanta por lei que nas convocatorias de axudas no ámbito da investigación se estableza un factor corrector que permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades”, salientou a viceportavoz popular, Paula Prado.
Na súa intervención, Prado manifestou que “no PPdeG somos conscientes de que a traxectoria profesional e investigadora das mulleres conta con innumerables obstáculos, pero dous moi evidentes e nos que é preciso actuar: a conciliación e a maternidade”.
MECANISMOS CORRECTORES E OBXECTIVOS
Deste xeito, esta proposición de lei ten como obxectivo introducir mecanismos correctores e obxectivos nas convocatorias públicas de I+D+i para evitar a discriminación ou penalización en caso de maternidade, paternidade ou permisos temporais por embarazo, coidado de persoas dependentes ou lactación.
A viceportavoz popular considerou “axeitado que cada convocatoria de axudas regule os seus factores correctores, de xeito que en todo momento se permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”. Así mesmo, considerou importante garantir que os tempos dedicados ao goce de permisos, ou con reducións de xornada, por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, non repercutan negativamente na formación e na carreira docente e investigadora”.
A proposición de lei tamén recolle que as universidades teñen que garantir o cumprimento do principio de non discriminación por razón de xénero, tanto directa como indirecta, e facer efectiva a igualdade de mulleres e homes na carreira docente e investigadora; así como que, nos procesos de selección ou avaliación da traxectoria académico-profesional, os intervalos temporais dedicados ao goce de permisos ou con reducións de xornada por conciliación, coidado de menores ou dependentes, deberán ser excluídos si provocan un impacto negativo para a persoa interesada.
Respecto da Administración autonómica, sinálase que deberá computar como tempo de inactividade investigadora o tempo desfrutado de permiso de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo ou lactación, e incapacidade temporal asociada ao embarazo.
COLABORACIÓN ENTRE XUNTA E UNIVERSIDADES
Paula Prado considerou “importante o avance que se conseguiu gracias á colaboración entre a Xunta e as universidades en materia de fomento e divulgación da igualdade no sistema universitario galego”. Deste xeito, lembrou que nas convocatorias de 2021 de axudas predoutorais e posdoutorais se introduciron unha serie de melloras con respecto a convocatorias anteriores para evitar a discriminación de xénero.
“Galicia é a única comunidade autónoma que instaurou unha puntuación adicional para compensar aos candidatos que estean de baixa laboral por razón de maternidade, paternidade ou calquera outra razón médica, co obxectivo de rachar coa discriminación á hora de acceder a estas bolsas”, sinalou a viceportavoz popular.