Santiago, 8 de xullo de 2021.- O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo reiterou hoxe no Parlamento galego que “o mellor modo de protexer o emprego na factoría de Xeal é garantindo o cumprimento das condicións que imperan nas concesións de explotación das centrais hidroeléctricas, que vinculan estas ao mantemento da actividade industrial nas plantas de Cee e Dumbría”.
Así mesmo, criticou a BNG e PSdeG que “veñan reclamar á Xunta que arranxe unha transición enerxética caótica, improvisada e carente de calquera tipo de planificación que está a levar a cabo o Goberno de Pedro Sánchez”.
Rubén Lorenzo subliñou que “quen impediu a intención da empresa de segregar as actividades de ferroaliaxes e de produción de enerxía eléctrica foi o actual Goberno galego”, e asegurou que “continuará defendendo a non segregación destas actividades”. “E todo isto, faino aplicando a legalidade e velando polo interese público dunha concesión administrativa con plena transparencia para os traballadores, o comité de empresa e para os alcaldes dos concellos afectados”, dixo.
CUSTO DA ENERXÍA COMPETITIVO
Así mesmo, o deputado popular lamentou que “ata o ano 2019 os cinco fornos de Dumbría e Cee traballaron a pleno rendemento, pero na actualidade só traballan tres e cunha capacidade produtiva do 40 por cento”. “O que pasou en 2019 é que reducíronse os programas de axuda ás empresas electrointensivas nun 51,5 por cento con respecto ás axudas percibidas no ano 2017, o que para a actual Xeal supuxo pasar de 28 millóns de euros de axudas en concepto de interrumpibilidade en 2017 a só 2 millóns de euros en 2020”, explicou.
“Resulta vital para os intereses dos traballadores de Xeal velar por un custo da enerxía competitivo para as empresas electrointensivas”, demandou Rubén Lorenzo, quen criticou que o Goberno central “segue sen reaccionar e a mala política ten consecuencias, xerando confusión e incertezas, o que se traduce nun problema grave para a economía das familias, así como a perda de competitividade para o tecido empresarial galego”.