Santiago, 8 de xullo de 2021.- O Parlamento de Galicia amosou hoxe por unanimidade, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, o seu apoio ás orquestras galegas como un sector económico de importante valor cultural e turístico e puxo de manifesto a importancia de que todas as administracións, nomeadamente os concellos, se involucren na súa reactivación e posibiliten a súa organización, unha vez superadas con éxito as probas piloto de espectáculos musicais ao aire libre.
O deputado popular José Antonio Armada lembrou que “a Xunta foi a primeira administración autonómica en adxudicar axudas específicas para as orquestras galegas, un compromiso continuado que se plasmou a través de numerosas xuntanzas e novas liñas de apoio que continúa na actualidade”.
AXUDAS DESDE A XUNTA
En concreto, Armada lembrou que a convocatoria de axudas específicas para as orquestras da Xunta de Galicia “tiña como obxectivo que estas formacións contribuíran a consolidar o Xacobeo 2021-22 como un evento cultural e estratéxico para a reactivación económica de Galicia, ao tempo que axudar á reactivación deste sector colaborando nos gastos dos eventos que se desenvolvan tanto en Galicia como fóra da Comunidade galega”. Estas axudas beneficiaron a máis de 50 orquestras, que recibiron un importe total de máis de un millón de euros.
Así mesmo, a Xunta publicou unha convocatoria de axudas para traballadores estacionais de orquestras e espectáculos afectados polos peches da Covid-19, cun orzamento total de 500.000 euros. A través desta convocatoria, dirixida aos traballadores que non puideron acollerse aos ERTE polas condicións dos seus contratos, os beneficiarios recibían 500 euros por cada mensualidade sen actividade.
José Antonio Armada considerou “fundamental a implicación de todas as administracións, unha vez que a Xunta amosou que está comprometida coas orquestras galegas e cos milleiros de persoas que traballan nelas”. “Para a reactivación deste sector é necesario que participemos todos, con especial mención aos concellos galegos, pois son claves na organización deste tipo de espectáculos”, apuntou.
Deste xeito, afirmou que coa aprobación deste proposición non de lei “no só queremos que desde o Parlamento galego se defenda ás orquestras como un sector económico de importante valor cultural, senón que se manifeste a relevancia de que todas as administracións, nomeadamente os concellos, se involucren na súa reactivación e posibiliten a súa organización”.