Santiago, 14 de xullo de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o voto favorable do BNG, a través da que se demanda ao Goberno de España que dote de carga de traballo ao estaleiro de Navantia na ría de Ferrol, encargando a contratación dun barco-ponte para garantir no medio prazo os milleiros de empregos das empresas auxiliares; e que se una ao Pacto de Estado por Ferrol, un acordo entre todas as administracións e axentes implicados para desenvolver medidas de impulso e dinamización laboral, económica e demográfica nesta comarca.
O viceportavoz popular, Miguel Tellado, lamentou que “mentres o Goberno galego e o PPdeG fan todo o posible por atopar solucións aos problemas que atravesa a comarca de Ferrolterra, desde o Goberno de Pedro Sánchez se ataca constantemente o tecido industrial de Ferrol, empeorando gravemente a situación”. En concreto, sinalou que en apenas tres anos o Goberno central pechou a central de As Pontes; paralizou os investimentos no estaleiro de Navantia; atacou á industria electrointensiva, provocando o peche de Siemens-Gamesa ou Aluibérica; ou impulsou a deslocalización da industria do plástico.
TAREFA COLECTIVA
“A recuperación dunha comarca tan debilitada é unha tarefa colectiva, que só poderemos lograr cun esforzo conxunto de todos os implicados”, manifestou Tellado. Deste xeito, lembrou que o pasado mes de abril “iniciamos un proceso de diálogo entre os principais axentes económicos e sociais presentes na comarca, entre os que se atopan os alcaldes de Ferrolterra, os sindicatos, asociacións empresariais e axentes de I+D+i”.
Froito deste traballo foi a elaboración dun documento con 100 medidas dirixidas á recuperación de Ferrolterra, que o Goberno galego levou ao Consello da Xunta coa proposta de acadar un Pacto de Estado por Ferrol, que foi apoiado neste Parlamento e remitido ao Goberno central buscando o seu apoio.
“Dous meses despois, a resposta do Goberno de Pedro Sánchez é o silencio absoluto, pero a Xunta xa desenvolveu unha segunda rolda de contactos cos alcaldes, empresarios e sindicatos para avanzar no desenvolvemento deste Pacto de Estado por Ferrolterra e garantir o futuro para esta comarca”, sinalou.