Santiago, 14 de xullo de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno que “a sanidade desmantelada da que constantemente falan desde o BNG e o PSdeG non tería resistido unha pandemia sanitaria desta virulencia” e salientou que “Galicia é a comunidade autónoma coa menor mortalidade de España, e non será por casualidade”.
Encarna Amigo lembrou que “a atención primaria sanitaria é unha prioridade fundamental para o goberno do Partido Popular, consciente de que é a porta de entrada ao sistema sanitario e o seu eixo fundamental”. Neste sentido, apuntou que “contamos cuns profesionais que posúen unha formación excelente, que cada vez contan con máis ferramentas que fan que a súa capacidade resolutiva sexa cada día maior”.
“O modelo actual de atención primaria aportou ao sistema proximidade, accesibilidade, xustiza social, profesionalidade e orde ao total do sistema sanitario”, salientou a portavoz popular, a pesar de que “sofre as tensións derivadas da falta de profesionais para cubrir as ausencias, con axendas sobredimensionadas, cunha remuda xeracional, falta de novos profesionais para contratar e inmersos nun cambio socio-demográfico cara á cronicidade e a patoloxías múltiples”.
PLAN ESTRATÉXICO
Amigo lembrou a posta en marcha do plan estratéxico Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde, con máis de 200 accións e dirixido ao fortalecemento deste servizo nos vindeiros anos, así como a inclusión do ditame da Comisión de Reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise da Covid-19 da proposta de renovación da normativa reguladora da atención primaria e a mellora na provisión de prazas.
Así mesmo, a portavoz popular reiterou a demanda ao Goberno de España para que “proceda á eliminación das taxas de reposición, que imposibilita a convocatoria de miles de prazas que se atopan en situación de interinidade; e realice unha convocatoria extraordinaria da proba de acceso MIR, destinada a cubrir o patente déficit de médicos especialistas en atención familiar e comunitaria”.
Para rematar, a portavoz popular criticou que o Goberno de Pedro Sánchez “veña de aprobar un Real Decreto para reducir a temporalidade no sector público, pero resulta que esta norma non é de aplicación en dous ámbitos onde maior temporalidade se rexistra: a sanidade e a educación”.