Declara que en política non hai nada máis imporante que servir a quen serve e que non hai maior orgullo que ser útil á nosa Autonomía e aos galegos
O candidato á Secretaría Xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, fixo un balance dos seus cinco anos como número dous do Partido Popular de Galicia, recordando as dúas grandes maiorías acadas polo partido e os logros políticos deste lustro, ademais de facer un sentido agradecemento o presidente e ao traballo de todos os militantes e colaboradores da formación.
Durante a súa intervención no 17º Congreso dos populares galegos, o secretario dos populares presentou o Informe de xestión do PP de Galicia durante o período 2016-2021, un balance político e emocional do seu tempo ao fronte do partido.
Tellado lembrou os que para el foron os dous grandes fitos do seu mandato, a ampla maioría absoluta lograda en 2016 en Galicia, mentres a organización retrocedía electoralmente en toda España; e a vitoria electoral de 2020, ampliando a maioría en plena pandemia do coronavirus.
Tamén tivo tempo para a autocrítica, asegurando que “o Partido Popular de Galicia fai autocrítica sempre, incluso cando gaña. Fronte a un BNG e PSdG aos que nunca escoitaredes cuestionarse nada, a pesar das derrotas”. Entre os obxectivos non logrados apuntou as eleccións municipais e as eleccións xerais de 2019. Dúas citas electorais nas que o PPdeG gañou, pero “os resultados deberon ser mellores e serano no futuro”, recalcou.
LOGROS E AGRADECEMENTOS
O popular dedicou boa parte do seu discurso a agradecer aos militantes e colaboradores do partido o seu traballo, así como ao líder dos populares galegos, ao que lle agradeceu que “mentres toda España miraba a Feijóo, Feijóo só miraba a Galicia”.
Tamén tivo tempo para desenvolver os que para el foron os grandes logros do Partido Popular de Galicia durante o último mandato: manter a hexemonía do centro dereita na Comunidade, derrotar aos populismos e frear o avance dos nacionalistas.
Por último, declarou estar “profundamente orgulloso” de servir a Feijóo durante estes cinco anos: “Porque en política non hai nada máis importante que servir a quen serve”. E volveu poñerse á súa disposición “para o tempo que el me necesite”.
Tellado pechou a súa intervención subliñando que hoxe se inicia un “novo capítulo na historia do Partido Popular de Galicia” e que “só queda o máis sinxelo: traballar, traballar e traballar”.