Tellado lamenta que os socialistas teñan feito oídos xordos e só apliquen unhas mínimas rebaixas “estéticas” que non mitigan o abusivo aumento
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, avanzou que o seu partido seguirá esixindo medidas urxentes para reducir o prezo da luz máis caro da historia, provocado polo ecoloxismo “de quita e pon” e pola transición ecolóxica falsa e mal entendida do Goberno de Pedro Sánchez.
Tras reunirse co secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, afirmou que a súa formación continuará presentando novas iniciativas que rexeitan ese incremento abusivo na factura da luz, incidindo na importancia de escoitar e colaborar coa sociedade civil para apoiar as súas reivindicacións e defender os intereses dos galegos.
Tellado lamentou que, ata o momento, os socialistas teñan feito oídos xordos ás demandas do PP e de todos os cidadáns, aplicando unhas mínimas rebaixas “estéticas” que nin solucionan o problema nin mitigan o prezo abusivo.
Así mesmo, fixo fincapé en que este incremento, igual que o do diésel, teñen o agravante de que afectan por igual ás rendas baixas que ás altas, polo que prexudican especialmente ás familias con rendas máis reducidas: “A subida da luz non inflúe igual aos veciños de Galapagar que aos de calquera concello galego, nos que é aínda máis inxusta e dificulta máis a recuperación de Galicia”.
UNHA ESTRATEXIA DELIBERADA
Para o secretario xeral do PPdeG, o máis grave é que isto non se debe a unha situación conxuntural do mercado senón que responde a unha estratexia deliberada de transición ecolóxica por parte do Executivo central, coa que o presidente do Goberno quere poñerse a medalla de ser o máis ecoloxista de Europa a cargo do peto de todos os españois.
“Non podemos seguir soportando a factura da luz máis cara da historia para engordar o ego de Pedro Sánchez, nin poñer en risco ás nosas pequenas e medianas empresas, o futuro da nosa industria electrointensiva e o benestar das nosas familias para que os socialistas presuman de ecoloxismo”, subliñou.
Cómpre resaltar que, desde a chegada de Sánchez ao Goberno, a factura da luz aumentou máis dun 50%. Nese senso, Tellado afeou que os mesmos que pedían dimisións e chamaban a manifestarse polas pequenas subidas do 7% durante o Executivo de Mariano Rajoy agora amosen indiferenza e mesmo se atrevan a asegurar que só se notará “algúns eurillos”, cando xa é unha realidade a enorme carga sobre a economía familiar.