Santiago, 8 de setembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que convoque de xeito urxente un proceso selectivo que permita cubrir as prazas de examinadores de tráfico vacantes existentes en Galicia.
Así mesmo, mentres non se cubran estas prazas vacantes, demándase que non se deriven examinadores para cubrir a carencia de administrativos nas oficinas da Dirección Xeral de Tráfico e se cree unha bolsa de horas extra para facer máis probas e aliviar o colapso e listas de agarda que hai actualmente en Galicia para obter o permiso de conducir.
A viceportavoz popular, Paula Prado, salientou que “a necesidade de cubrir as prazas vacantes de examinadores na Dirección Xeral de Tráfico está a provocar interminables listas de agarda, que segundo as propias autoescolas superan as 15.000 persoas, para poder presentarse ao exame práctico do carné de conducir, que nalgúns casos chega a alcanzar o ano de espera”. “Esta situación está motivando que moitas persoas perdan a posibilidade de aprobar oposicións ou de acceder a postos de traballo que piden o carné de conducir como requisito”, indicou.
Paula Prado lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “volveu discriminar a Galicia nas últimas asignacións de 35 funcionarios interinos para Tráfico e de 60 prazas de examinadores interinos, xa que non recibiremos ningún reforzo que poida paliar a situación que se está a vivir na actualidade de colapso e listas de agarda das persoas, na súa maioría xente moza, mermando as súas posibilidades de empregar unha ferramenta de traballo, de mobilidade e de independencia ao conseguir o permiso de conducir”.
“Se queremos fixar poboación no entorno rural e tendo en conta a dispersión poboacional que temos en Galicia, resulta imprescindible favorecer o acceso ao carné de conducir para facilitar os desprazamentos diarios, non só ao posto de traballo senón ao centro de estudos, ao centro de saúde ou, simplemente, a actividades de lecer”, sinalou.
Fronte a esta nova situación discriminatoria do Goberno central con Galicia, a Xunta dispón dunha liña de axudas dirixidas a mellorar a autonomía, mobilidade e inserción laboral da xuventude que incorporan o abono do custe do permiso de conducir, tipo B ou C, por importe de 400 ou 600 euros, respectivamente.