Santiago, 9 de setembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, que non contou co apoio do PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que dea as instrucións precisas para que Renfe rectifique e no inmediato inclúa a parada de Vilagarcía no segundo tren Alvia que une Vigo e Madrid, así como que progresivamente todos os trens de longo percorrido que comuniquen as cidades de Vigo e Pontevedra con Madrid, tanto no traxecto de ida como no de volta, paren en Vilagarcía.
?O @ppdegalicia, o @PPdeVilagarcia e a @Xunta apoiamos a denuncia e pedimos solucións á situación de desprecio a que o Goberno central somete a Vilagarcía e a súa contorna no que ás comunicacións ferroviarias se refire, @suarezsar pic.twitter.com/fzwembdqNt
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 9, 2021
A deputada popular Elena Suárez explicou que a estación de tren de Vilagarcía é a quinta con máis viaxeiros de Galicia, cunha media de 2.000 usuarios diarios, e cubre unha área de influencia de máis de 150.000 persoas. Así mesmo, engadiu que “antes da pandemia circulaban un total de 39 trens diarios con parada nesta estación, mentres que na actualidade só circulan 28”.
OPORTUNIDADE ECONÓMICA
Suárez criticou “a situación de precariedade que sofre a estación de Vilagarcía, especialmente despois de coñecer o menosprezo que supuxo o anuncio por parte de Renfe de que ningún dos novos trens que desde este verán comunican Vigo e Madrid pararía en Vilagarcía, nin á ida nin á volta”.
“As conexións ferroviarias supoñen unha oportunidade económica para Galicia, en xeral, e para Vilagarcía e a comarca do Salnés, en particular”, manifestou a deputada popular, quen criticou que “sacarnos do mapa dos itinerarios que nos unen co resto da península é un agravio comparativo do Goberno de Pedro Sánchez que non se entende, menos neste momento de crise económica e nestes anos 2021 e 2022 nos que a celebración do Xacobeo abre unha oportunidade de rexeneración tan necesaria”.
Por este motivo, lembrou que a Xunta “ten solicitado de forma reiterada ao Goberno de España unha mellora da situación na que se atopan os servizos ferroviarios en Galicia, especialmente aqueles que suprimiu amparándose na pandemia sanitaria, tanto no que atinxe ás conexións interiores como ás conexións de Galicia con outras comunidades autónomas ou con Portugal”.