Cuestiona que o BNG se poña do lado das empresas que se lucran a costa do medio ambiente co único obxectivo de sacar rédito político
O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, asegurou que o PSdeG e o BNG protexen ás empresas hidroeléctricas para tapar a súas neglixencias e complicidade no baleirado “extremo e fraudulento” dos encoros da conca Miño-Sil, así como para sacar rédito político.
Segundo apuntou, acompañado pola vicesecretaria de Axenda Verde do PPdeG, Ánxeles Vázquez, e tras unha reunión con alcaldes e portavoces de concellos afectados por esta situación; trátase dunha manobra especulativa das eléctricas e, ante a inacción do Goberno central, tanto para evitalo como para sancionalo, a Xunta recorreu ás únicas competencias das que dispón -unha lei de pesca- para multar a estas empresas.
Así, lamentou que, mentres as eléctricas baleiraban os encoros e se lucraban a costa do noso medio ambiente, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, estivese escribindo cartas criticando aos compañeiros de partido que cuestionaban o liderado de Gonzalo Caballero, amosando estar moito máis preocupado pola sucesión na súa formación que polas súas responsabilidades públicas.
Nese senso, indicou que o PSdeG non acerta á hora de nomear presidentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, pois buscan responsables que ocupan o despacho pero que se dedican a outras cuestións, como demostran os problemas xudiciais de Francisco Fernández Liñares, ex dirixente desa entidade. “É a desgracia que sofre Galicia cada vez que en Madrid goberna o PSOE”, precisou.
Ademais, resaltou que a Confederación Hidrográfica non pediu autorización nin comunicou adecuadamente ao Goberno autonómico o baleirado dos encoros, cuestionando as escusas sen sentido que está empregando para non asumir as súas responsabilidades: “Agora din que remitiron un e-mail ou un fax ao 112. Puideron remitilo a un centro de saúde ou a un centro educativo, que tamén dependen da Xunta e así xa poderían dicir que eles o notificaron”.
“Podemos entender que as empresas eléctricas se escuden nesta táctica para evitar as sancións que lle esta impoñendo a Xunta, pero que a oposición, tanto o PSdeG como o BNG, lle fagan o xogo ás hidroeléctricas é algo moito mais preocupante”, aseverou.
Malia que non se amosou estrañado pola actitude dos socialistas galegos, cuxa única prioridade nos últimos meses é a súa loita interna polo poder, cun Gonzalo Caballero que quere manter o liderado da súa formación a calquera prezo; si expresou a súa sorpresa con respecto ao BNG, “dando por boas unhas escusas sen sentido para atacar á Xunta”, algo que recorda ao peor do nacionalismo: “O de aquel Anxo Quintana nun veleiro de luxo arranxando un concurso eólico”.
UNHA COMPETENCIA EXCLUSIVA DO ESTADO
O número dous dos populares galegos explicou que as empresas eléctricas aproveitaron os altos prezos da electricidade para baleirar ata limites históricos os seus encoros e así poder maximizar ganancias, aclarando que non se pode permitir que estas aumenten os seus beneficios a costa dos ecosistemas da zona, do patrimonio natural e ata dos recursos cos que contamos para combater os incendios. De feito, no recente lume que se produciu en Ribas de Sil, que xa está controlado, os hidroavións non puideron cargar auga nos encoros máis próximos, o que dificultou as tarefas de apagado.
Do mesmo modo, recalcou que este baleirado só o podía evitar o Goberno central a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, pois ten a competencia exclusiva nesta materia, algo que recoñeceu estes días a ministra Teresa Ribera, prometendo cambiar a lexislación para evitar este tipo de actuacións. “As típicas promesas do PSOE, que chegan tarde e nunca se cumpren”, engadiu Tellado.
A XUNTA, A ÚNICA QUE TOMA MEDIDAS
Pola súa parte, Ánxeles Vázquez tamén apuntou cara a responsabilidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que segue sen tomar medidas, ao tempo que criticaba a complicidade da Confederación Hidrográfica coas eléctricas. Neste sentido, afeou que o seu presidente se limite a encher os seus discursos con mentiras e falsidades para estender unha cortina de fume en lugar de admitir o seu erro e pedir desculpas.
Como remarcou, estamos ante unha actuación gravísima dende o punto de vista medioambiental pero tamén social, xa que ningún galego pode entende que se baleiren os encoros no momento de maior subida do prezo da luz.
Na súa intervención, incidiu en que a única a Administración que tomou medidas foi a Xunta -xa incoou expedientes sancionadores pola Lei de pesca fluvial e está estudando facelo tamén pola Lei de Patrimonio Natural se se constatan danos aos ecosistemas-. Igualmente, contrapuxo a situación dos embalses que son competencia da Comunidade, que están dous puntos por riba da media; fronte á dos encoros competencia do Goberno central, que acadaron mínimos históricos.