Denuncia a complicada situación de ElectroRayma, obrigada a demandar ao estaleiro público polo impago de case 5 millóns de euros
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu a Navantia e ao Goberno central boa xestión, carga de traballo, responsabilidade local e respecto e coidado polas empresas auxiliares, que son as que fan competitivo o sector naval a nivel internacional e xeran o maior número de empregos.
Deste modo se expresaba na visita que fixo ás instalacións de ElectroRayma, en Narón, unha das moitas empresas auxiliares que conforman a industria naval de Ferrol e que tivo que presentar unha demanda contra Navantia polo impago de 4,7 millóns de euros. Isto débese aos sobrecustos da construción de dous buques, unha débeda que parece que a actual dirección do estaleiro non ten ningún interese en abonar.
Acompañado polo presidente do PP da provincia da Coruña, Diego Calvo, e pola senadora Verónica Casal, o número dous dos populares galegos amosou a súa preocupación pola situación do sector naval ferrolán dende a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa: a modernización para converter Navantia no estaleiro 4.0 está paralizada, retrasáronse sine die proxectos postos en marcha polo Goberno de Mariano Rajoy, como as Fragatas F-110, e negáronse a contratar a construción dun barco ponte para a Armada española, que aseguraría carga de traballo e protexería os empregos durante os próximos anos.
Así, ante as sucesivas propostas do Executivo galego de chegar a acordos entre todas as administracións e axentes implicados en favor da recuperación económica da comarca, firmando un Pacto de Estado por Ferrol, a resposta do Goberno socialista foi o silencio, pois Pedro Sánchez segue sen contestar á petición do Executivo autonómico para sumarse a esta iniciativa.
Ademais, e con motivo da visita á nosa Comunidade das vicepresidentas Yolanda Díaz e Nadia Calviño estes días, solicitoulles a estas que “exerzan de galegas, que se comprometan con Galicia e nomeadamente con esta comarca que tanto depende do Goberno central”.
Igualmente, insistiu en que ElectroRayma, que leva 30 anos traballando para o estaleiro e da que depende o sustento de máis de 300 familias, atravesa grandes dificultades pola falta de carga de traballo, algo que se agrava polo desinterese da directiva socialista de Navantia a pagar as súas débedas.
Ante este difícil momento, Tellado manifestou que os populares presentarán unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia e tamén nas Cortes Xerais para defender a toda a industria auxiliar, da que depende o futuro da comarca.