Os populares lembran que Pepe Blanco e o seu partido converteron esta autoestrada na máis cara de España
O Partido Popular de Galicia pediu ao PSOE que non bloquee a transferencia da titularidade e da xestión da AP-9 a Galicia para que as decisións sobre esta autoestrada se tomen na Comunidade e se asegure a mellor resposta ás necesidades dos usuarios, algo que leva demandando a Xunta máis de 10 anos.
Cómpre sinalar que as autoridades comunitarias veñen de solicitarlle ao Goberno de España aclaracións sobre os termos nos que se produciron as extensións da vixencia da concesión da AP-9. O obxectivo é clarificar se esas prórrogas se axustan á normativa europea sobre a concesión de contratos.
Lembramos que sobre a concesión aplicáronse diferentes prórrogas, tanto pola UCD, como polo Goberno de Felipe González, sendo Emilio Pérez Touriño secretario de Estado de Infraestruturas, como polo Executivo de José María Aznar. Ademais destas prórrogas, houbo outras decisións, como a do 2011, do ministro de José Luis Rodríguez Zapatero, José Blanco, que determinou que a ampliación da AP-9 en Santiago e na Ponte de Rande se pagase con cargo a subas de peaxes acumulativas durante 20 anos, converténdoa así na autoestrada máis cara de España.
Malia que se trata de medidas que se adoptaron en contextos determinados nos que cada Goberno considerou que esas eran as mellores alternativas para afrontar as necesidades da infraestrutura neses momentos, se as analizamos desde a perspectiva actual e especialmente desde a dos usuarios da autoestrada, son, loxicamente, cuestionables.
Deste modo, correspóndelles ás autoridades competentes dilucidar se, ademais de discutibles, esas decisións vulneran a normativa europea. De feito, o Consello Consultivo de Galicia considera nulas de pleno dereito as subas de peaxe que autorizou o Goberno socialista de Zapatero con José Blanco como ministro de Fomento.