Santiago, 28 de setembro de 2021.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, criticou hoxe a “incoherencia en materia enerxética dos grupos da oposición que queren ser alternativa ao PPdeG, xa que mentres o BNG nos chama depredadores, desde o PSdeG nos critican porque non instalamos parques eólicos”.
“A realidade é que Galicia ten un modelo eólico claro, que foi pioneiro en España e que nos permite estar nos primeiros postos do ránking en xeración de enerxía renovable”, apuntou.
Marta Nóvoa asegurou que o modelo eólico galego “é compatible co medio ambiente e co medio rural, porque, a pesar do que os grupos da oposición queren transmitir, Galicia posúe o 77,5 por cento do seu territorio blindado ante a instalación de parques eólicos”.
200 MILLÓNS DE CANON EÓLICO
Ademais, respecto da suposta falta de retorno económico para os concellos, a portavoz popular subliñou que “foi este Goberno galego o que creou o canon eólico, que leva recadado máis de 200 millóns de euros que reverten nos municipios que contan con instalacións eólicas”.
Na súa intervención, e referíndose a BNG e PSdeG, indicou que “saben que, aínda que en Galicia xeremos máis enerxía da que consumimos, non significa que poidamos vivir só da enerxía que propiamente xeremos en Galicia, que sería a eólica e a hidráulica”.
Por este motivo, insistiu que “seguiremos dicindo que non á tarifa galega proposta polo BNG, porque non podemos vivir só coa enerxía que producimos, porque uns días non chega e outros sobra, e non podemos almacenar; nin tampouco poderíamos mantela, porque nos custaría 200 millóns de euros máis e os galegos pagaríamos un 30 por cento máis pola enerxía que consumimos”.