Santiago, 6 de outubro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez saudou hoxe no Parlamento galego que tanto BNG como PSdeG “recoñezan que o peche de oficinas bancarias, sobre todo en zonas do rural, é un problema global do sistema financeiro español e que afecta ao conxunto de España”, polo que insistiu que “o Goberno de España debe dirixir unha acción conxunta, ao ser o único competente na materia”.
Sandra Vázquez lembrou que a rede de oficinas bancarias en España “alcanzou un máximo de 46.000 unidades en setembro de 2008 e desde entón non deixou de caer, ata situarse en pouco máis de 22.000 sucursais en decembro, polo que estamos a falar dun axuste de máis do 51 por cento”.
IMPACTO NEGATIVO NA ECONOMÍA E NA POBOACIÓN
“Estes datos poñen de manifesto que este axuste prodúcese en zonas urbanas e rurais, afectando especialmente ao acceso aos servizos financeiros e impactando negativamente no desenvolvemento económico e social, e contribuíndo ao agravamento da súa situación de despoboamento”, engadiu.
Diante desta situación, Sandra Vázquez insistiu na necesidade de que “o Goberno de España impulse unha normativa que regule a prestación universal de servizos financeiros básicos, porque é o único competente nesta materia”, ao tempo que demandou a elaboración, en colaboración co Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores, dun estudo sobre a situación do mercado financeiro en España desde o punto de vista da concentración bancaria”.
Para rematar, a deputada popular lamentou que tanto BNG como o PSdeG “se puxeran de lado na iniciativa aprobada no Pleno da pasada semana, co único apoio do Grupo Popular, co obxectivo de garantir que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos bancarios e financeiros, evitando a exclusión financeira, principalmente no ámbito do rural”.